O 'si crítico' da CUP a Ada Colau

Votarán un 'Si' e dous nulos na sesión de investidura da nova alcaldesa de Barcelona.

 

Denomínano "voto crítico de confianza" e serán finalmente 2 nulos e 1 'Si' que representarán os 3 escanos obtidos pola CUP no Concello de Barcelona o 24 de maio. 

A organización independentista acordou desta maneira apoiar a "oportunidade de abrir un cambio" que supón a entrada de B'Comú no goberno da capital catalá. Mais, ao tempo, sinalar o "risco" desta formación a se instalar no "continuísmo" polo que pronunciarán dous votos nulos cos que lembrar dúas simbólicas loitas sociais que se manteñen vivas na cidade. 

Ada Colau será investida alcaldesa de Barcelona o sábado 13 de xuño co voto favorábel de ERC (5) e 1 de CUP. Co grupo encabezado por Alfred Bosch B'Comú mantén abertas as negociacións para configurar un goberno de coligazón. A CUP descartou desde o primeiro momento facer parte do novo executivo. Pola súa banda, o PSC (4) podería apoiar tamén a súa candidatura o que lle outorgaría 21 votos favorábeis, maioría absoluta.