Dous millóns de persoas berran pola independencia en Catalunya

Histórica xornada reivindicativa en Barcelona para exixir a independencia. Rúas colapsadas nun acto sen incidentes e con presenza da maior parte dos representantes políticos e culturais cataláns. O acto rematou coa lectura do manifesto no Parlament de Catalunya.

Catalunya demostrou na súa festa nacional que quere ser un novo estado de Europa. Dous millóns de persoas, segundo a Assemblea Nacional Catalana (ANC) organizadora do acto, participaron na que xa se considera a maior reivindicación pública e democrática de exixencia de liberdade de decisión de autodeterminación deste país. A 'primavera catalá', como xa se lle chama nalgúns medios, inicia todo un proceso que moit@s representantes polític@s presentes na marcha non deixaron de ter en conta. Retransmitida en directo a través dos medios de comunicación públicos de Catalunya, TV3 e Catalunya Ràdio, algunhas das declaracións que se realizaron a preguntas d@s xornalistas foron abondo contundentes, mesmo en representantes de formacións políticas non independentistas. “Agora en Madrid hai que pedir algo máis que o pacto fiscal”, afirmou Ernest Maragall, ex-conselleiro e unha das voces que apoiou a convocatoria desde o PSC. Do outro lado as palabras de Antoni Duran i Lleida, presidente de UDC, quen non tivo reparo en asegurar que “entramos nunha nova etapa que Madrid ten que entender”.

"Escoitade o berro do pobo" 
Ao final da marcha realizouse unha votación simbólica pola independencia onde colaboraron numerosos medios de comunicación cataláns e a propia organización coa distribución de papeis de cor verde. @s asistentes ergueron o papel e a instantánea quedou reflectida desde varios medios aéreos e difundida a medios de comunicación de medio mundo, ainda que non tal e como pensaron pola multitude de asistentes. Deste xeito reclamouse o outro punto da folla de ruta da ANC, a realización dunha consulta popular en toda Catalunya.

As preguntas que se formularon eran: "queremos exercer o dereito á autodeterminación?, Queremos a independencia do noso país e do resto de pobos do mundo?, Queremos unha bandeira catalá na ONU?, Queremos que os nosos representantes políticos inicien o proceso de secesión?, Comprometémonos a traballar para construír un estado independente libre e democrático?" Xente anónima, despois da votación, transmitiu en vinte linguas diferentes a mensaxe do camiño que quere levar Catalunya respectando o dereito internacional.

Representantes da ANC foron recibid@s no Parlament con aplausos por parte d@s deputad@s de todas as formacións políticas a excepción do PP. A presidenta desta institución, Nuria de Gispert, escoitou de Carme Forcadell, presidenta da ANC, o manifesto en que se exixia “a secesión de España que non nos admite tal como somos e tal como queremos ser”. Despois de sinalar as razóns polas que solicitaban a independencia rematou cun contundente “escoitade o berro do pobo”.

A presidenta do Parlament de Catalunya asegurou que Mas recibiría nun futuro inmediato a ANC

Acto institucional
O 11 de setembro tivo tamén o seu acto institucional como cada ano, aínda que neste cun compoñente especial. Dirixido polo director teatral Joán Ollé e presentado pola xornalista Mònica Terribas, centrouse na defensa da lingua e a cultura catalá coa lectura de textos de diferentes escritoras e escritores cunha visión de Països Cataláns. No apartado musical corais históricas como a Cobla de Sant Jordi e o cantautor Roger Mas. Algúns dos momentos máis emotivos foron a izada da bandeira dun dos municipios que sufriron o lume este verán e dos desaparecidos Emili Teixidor, Antoni Tàpies e Josep M. Ainaud de Lasarte, falecidos desde a celebración do anterior 11 de setembro.

Imaxe portada: Diari Ara
Imaxe interior: Susana Amado