ERC chama a desobedecer: “É hora de saltarse a legalidade española”

Junqueras

Oriol Junqueras afirma que unhas eleccións plebiscitarias non serían consecuentes co clamor das rúas de Cataluya e lembra dereitos democráticos: “Vai España meter no cárcere a alguén por votar?”

 

O líder de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) concedeu unha entrevista ao diario madrileño El Mundo na que deixa clara a postura da que, segundo os inquéritos, é xa a principal forza política actualmente no seu país: a desobediencia ante unha máis que probábel prohibición legal do referendo de autodeterminación convocado para o 9 de novembro. “Quero pensar en que o Estado español non vai meter a ninguén no cárcere por querer votar”, afirma o dirixente independentista.

"Chegou a hora de prescindir da lexitimidade española para crear a nosa propia", asegura o líder de Esquerra após a histórica Diada

O previsíbel veto do Tribunal Constitucional á convocatoria ás urnas -o mesmo chamado democrático que os actores clásicos do modelo español vixente negocian para frear, mesmo con certas complicidades na dereita catalanista afeita á negociación- non semella poder parar unha reivindicación que após reunir a perto de dous millóns de persoas na Diada parece imparábel. E que ten en ERC un valedor. Junqueras renega de calquera arranxo que non sexa a celebración da consulta. “Desobedeceremos as leis españolas, pero obedeceremos o mandato que temos do Parlament”, asegura, antes de engadir que “chegou a hora de saltarse as leis españolas. Chegou a hora de prescindir da lexitimidade española para crear a nosa propia. Chegou a hora de saltarse o marco legal anterior para crear o seguinte, como sucede sempre en caso de independencia”.

Junqueras asegura que aínda confían en Artur Mas e o Goberno autonómico no que ten relación coa convocatoria e nega calquera tentación de proclamar a independencia sen pasar antes polas urnas. “Votar é un dereito fundamental e inalienábel que prevalece por riba de calquera lei, como o dereito á vida, á liberdade ou a buscar a felicidade propia”, lembrou o líder de ERC, convencido de que “unhas eleccións plebiscitarias non cadrarían coa vontade popular” e que polo tanto o escenario pasa unicamente polo referendo do 9 de novembro.