Juanjo Puigcorbé:'"España está a se converter nun país oligárquico. E en Catalunya levantámonos contra iso"

Juanjo Puigcorbé

O actor barcelonés está en Compostela para participar nun debate sobre o proceso soberanista catalán. Falamos con el de política, de teatro, e do bo de comprender e respectar. E tamén, claro, de Pepe Carvalho: ''Vaia se apoiaría este proceso!'', asegura.  

 

Juanjo Puigorbé participa esta quinta no debate que se desenvolverán na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais de Santiago en torno o proceso soberanista catalán e e no que participarán, entre outros, os cataláns Albert Royo, Antoni Pigrau, Jordi Vilajoana. A xornada está organizada pola USC e o Consejo de Diplomacia Pública de Cataluña. Este coñecido actor catalán fai fincapé na necesidade de desmontar a “desinformación” existente no Estado español sobre o proceso soberanista e Catalunya. E insiste en que o que se vive no seu país é un proceso impulsado “pola sociedade civil” en torno a Assemblea Nacional Catalana (ANC). “Deberiades aquí facer unha Asemblea Nacional Galega”, anima xa o final da entrevista mentres sorrí.

É agora máis necesario que nunca que @s cataláns, persoalmente, expliquen no resto do Estado o proceso que están a vivir?

Efectivamente. Hai unha gran desinformación sobre ese proceso. Unha cousa coa que se machaca en todos os medios é que isto é unha cousa de Artur Mas, un delirio. E iso non é certo en absoluto. É a sociedade civil a que está detrás, a inmensa maioría de partidos políticos e de sindicatos. Hai un espectro moi amplo, de dereitas até a esquerda, que estamos polo proceso soberanista. Mais isto non interesa dicilo. Por que? Pois porque hai xente que se asustou con este movemento democrático de abaixo arriba.

"Catalunya quere un cambio e o único que pedimos son as ferramentas para poder facelo"

Mesmo hai xente que teño por cultivada que sostén que todo isto é cousa de Mas. E non. En absoluto.

Como lle explicaría a un cidadán español este proceso?

Pola necesidade que temos de cambiar. Non queremos seguir así. A Transición rematou hai moito tempo, hai quen se resiste, mais morreu. E hai moita xente que quere un cambio, non só os cataláns, senón tamén os españois. O que pasa é que en Catalunya as forzas políticas colleron ese testemuño popular. Catalunya quere un cambio e o único que pedimos son as armas para poder facelo.

É un momento malo. España ten unha crise económica,moral, institucional... e os partidos maioritarios enrócanse e fan un pacto inmobilista. É o bipartidismo, o bloque inmobilista. De onde vai vir o cambio? Pois desde abaixo e desde a periferia.

"Na maioría dos medios de comunicación  aniñou a idea de que ignorar este problema é resolvelo"

Vive en Madrid. Seguiu desde alí o debate no Congreso sobre Catalunya?

A manipulación informativa é tremenda. Se ti non tes interese por acceder a outras versións, a oficial, que é unha, é constante. Sen capacidade de contraste. Xente que teño por moi cultivada repite cousas que non son verdade en absoluto. Hai unha desinformación total. E, insisto, non hai contraste. As televisións cando falan do tema catalán traen sempre aos mesmos: Albert Rivera, Pere Navarro... Parece que ignorar o problema é resolvelo.

Tamén hai en España xente que apoia o proceso catalán e que o consideranimportante para abrir máis democracia no resto do Estado..

Os que queren que o sistema cambie teñen que apoiar por onde este comeza. E comeza por Catalunya. E faino por moitas razóns: pola composición social e política, que é distinta. Ata temos monxas de esquerdas! (risas) Somos un país industrial, cunha clase traballadora moi sensibilizada e que está a sofrer moito. E somos un país cunha clase media moi grande e que se resiste a desaparecer. A crise e este neoliberalismo están a varrer esa clase media. E en Catalunya resístese a desaparecer. Ademais, hai un factor social de unión en torno á lingua e ao concepto de nación. Ambos, en Catalunya, son pegamentos que cohesionan.

"Está o bipartidismo e o seu bloque inmobilista. E está todos os que queremos un cambio. E todos os que queren cambiar o sistema deberían apoiar o proceso catalán, porque é onde está comezando ese cambio"

Pepe Carvalho (detective creado por Vázquez Montalbán e que Puigcorbé deu vida nunha das series de TV) apoiaría o proceso soberanista?

Home, claro! (risas) Segurisimo. El e Vázquez Montalbán tamén. Montalbán ten raíces galegas, o pai era de Lugo. O outro día un taxista comentoume que a súa filla era 'catallega' pois era catalana filla de galegos (risas) e tamén existe 'catañol'. Unha cousa que non existe en catalán é unha palabra de desprezo para o español. Mais a nós: 'polacos', catalufos... O outro día Rosa Díaz no Congreso chamounos 'hispanófobos'. Pareceume tremendo. Pero se os cataláns estamos namorados de España! Até o alcalde de Córdoba dixo que eramos os seus grandes clientes! somos os que máis viaxamos por España! (risas)

Como actor, como ve a situación do teatro e da cultura en xeral?

Mal. A crise económica e o IVE machacáronnos. Malia iso faise bo teatro e á xente interésalle o teatro. Creo que hai un intento interesado de destruir, por dicilo así, a 'clase media' desta profesión. O 73% dos artistas non pode vivir da súa profesión, hai un 80% de paro e o 56% non chega o soldo mínimo.

"Na profesión hai un grupiño pequeno de persoas que son quen deciden quen traballa ou non"

Pero, e iso si que me parece importante destacar, é que hai como unha curva: Está desaparecida a gran parte media da profesión. Hai uns pouquiños arriba, que son os poderosos, o star-system. E despois está 'a tropa'. Iso nos artistas, mais pódese dicir dos guionistas, e nos xornalistas!

Estamos nun sistema no que hai catro ou cinco que copan todos no teatro, cine, televisión... 

Que papel lle queda por interpretar?

Estes anos en Madrid por desgracia non puiden facer o teatro que me gustaría. En 25 anos non me chamaron de ningún dos 14 teatros públicos oficiais que hai en Madrid, nin unha oferta. E se non che invitan, non podes entrar. E 25 anos é un cuarto de século! Unha barbaridade! (sorrí). Tamén nesta profesión estamos nun sistema oligárquico. Hai tres ou catro persoas que deciden quen traballan ou non nesta profesión. E ti pregúntaste? Pero isto non é un mercado aberto? Pois non, só hai opcións no boulevard ou no alternativo. Ou sexa, pallaso ou alternativo! (risas).

España está a se converter nun país oligárquico. E iso non o queremos. E non o quere ninguén. Mais en Catalunya temos a sociedade levantada contra iso. Por iso debedes todos, no resto do Estado, tendernos a man.