Máis de 800 rexedores cataláns reúnense en Barcelona a prol da autodeterminación

Encontro de alcaldes cataláns.

“É agora o nunca”, afírmase nun acto que celebrou que 920 dos 947 concellos do país aprobaran mocións en defensa do 9-N. “A democracia catalá está ameazada pola española”, asegura Junqueras, de ERC.

800 alcaldes cataláns pecharon filas este sábado coa convocatoria da consulta de autodeterminación do 9 de novembro antes de reunirse co presidente da Generalitat, Artur Mas, nun acto no que se pronunciaron frases como o "agora ou nunca" do alcalde de Navàs (Barcelona), Jaume Casals (CUP), que interveu acompañado doutros rexedores, entre eles, o líder de ERC e primeiro edil de Sant Vicenç dels Horts, Oriol Junqueras.

"Temos que tirar adiante, sen dúbidas", expresaron antes de reunirse con Artur Mas

Xunto ao presidente de l'Associació Catalá de Municipis (ACM), Miquel Buch, o presidente de l'Associació de Municipis per a Independència (AMI), Josep Maria Vila d'Abadal, destacou no Concello de Barcelona que o importante é que até o de agora 920 municipios, dos 947 que hai en Catalunya, aprobaron mocións a favor do referendo, e destacou "a necesidade de tirar adiante sen dúbidas co proceso".

“Queremos cumprir a vontade do pobom que quere que esteamos aquí todos", sostivo Vila d'Abadal, namentres que Junqueras celebrou que "son tempos de esperanza" para “aqueles que están facendo o posible para que a cidadanía vote”, e subliñou que nesta xornada os concellos renovan o seu compromiso respecto da votación do 9-N. "A democracia catalá está ameazada pola española, que quere impedir a votación", afirmou o líder de Esquerra, que considerou que unha representación masiva dos municipios supón unha peza chave no proceso de defensa do dereito a voto.

Pola súa parte, o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, volveu pechar a porta ás urnas catalás en nome da “lei” durante un acto do PP.