Manifestación unitaria e masiva da esquerda en Barcelona por unha República Catalá

Manifestación en Cataluña

Milleiros de persoas participaron este domingo nunha mobilización que foi apoiada por ERC, CUP, ICV e EUiA e na que se denunciou “a vulneración da democracia" que supón impoñer a monarquía española.

Unhas 4.000 persoas segundo a organización manifestáronse este domingo en Barcelona nunha marcha convocada por máis de vinte partidos, sindicatos e entidades catalás de esquerda para pedir a fin da monarquía, á que acusan de "antidemocrática e caduca", e pedir unha República Catalá.

Segundo explicou o portavoz da organización, Carles Riera, esta marcha foi unha “resposta política necesaria ante a reforma monárquica” que viviu o Estado durante os últimos días, “para deixar claro que Cataluña oponse á monarquía española”. A manifestación comezou na praza da Universitat e rematou na de Sant Jaume, coa lectura dun manifesto ante a sede da Generalitat. CiU non participou, así como tampouco o PSC.

Nin PSC nin CiU participaron na marcha, que cualificou a mudanza borbónica como "antidemocrática e caduca"

Baixo o lema 'Cap pacte, cap rei. El poble català decideix' ('Ningún pacto, ningún rei. O pobo catalán decide'), @s manifestantes reivindicaron que a monarquía “vulnera os principios básicos da democracia, porque ataca á igualdade de dereitos e deberes da cidadanía ante a lei".

A marcha contou con apoio e participación de partidos políticos e sindicatos como ERC, ICV, EUiA (a Izquierda Unida catalá), a CUP e as súas respectivas mocidades, así como Procés Constituent; a Intersindical-CSC, e o Sindicat d'Estudiants dels Països Catalans (SEPC), entre outros.