Mas, disposto a negociar data e pregunta do referendo se Rajoy avala a consulta

Artur Mas

''Se o goberno español di que está disposto a se comprometer con que os cataláns voten, nós abriríamos negociacións" afirma o President.

O presidente da Generalitat, Artur Mas, afirmou que está disposto a negociar a data e pregunta da consulta prevista para 9 de novembro se o presidente español Mariano Rajoy acepta negociar a realización, variando así o posicionamento do executivo central até o de agora. Mas dixo nunha entrevista á axencia Bloomberg: "Se o goberno español está disposto a aceptar a consulta e que os cataláns voten, como fai o Reino Unido cos escoceses, estamos dispostos a nos sentar á mesa e abrir negociacións ".

Mas explicou, indica Nació Digital, que se o goberno español acepta a consulta poderíase entrar a falar de cuestións relativas á data e pregunta do referendo,data e pregunta fixadas no seu momento en base a un pacto asinado en decembro de 2013 por CDC, UDC, ERC, ICV e EUiA CUP.

Mas tamén é partidario, a título persoal "como un cidadán catalán e europeo", da opción independentista na consulta escocesa de setembro e argumenta que ese resultado sería "útil" para Cataluña.