Primeiro obxectivo de Felipe VI: frear a soberanía de Catalunya con axuda de CiU

Independendistas cataláns

O presidente da Generalitat acudirá á coroación do novo monarca español e algúns sectores da súa formación -chave nos pactos do 78- ven con bos ollos aproveitar o cambio para rebaixar o ton independentista e buscar un acordo dentro dunha segunda transición non moi afastada dos términos da primeira.

Unha política de xestos bastante visíbel e que deita luz sobre o principal reto dos moitos que ten por diante o estado español: a soberanía das nacións, especialmente a catalá. Porque a entrada de Felipe VI no lugar do máis desgastado Juan Carlos I é tamén a fórmula que manexan as elites do modelo do 78 para poñer fin ao que chaman “desafío de Catalunya” mediante a apertura dun tempo de aparencia nova, que poida mesmo provocar pequenos cambios constitucionais que serían aceptados por CiU para intentar así desactivar o proceso de autodeterminación de Catalunya. A formación de Mas e Durán déixase querer.

Os analistas de cabeceira do actual modelo español din que  "solucionar Cataluña será o 23-F do novo rei, a súa lexitimación"

Analistas moi achegados ás elites españolas xa publicitaron a chave simbólica -ou a montaxe orixinal- do novo reinado: “Se Felipe VI consegue parar o de Catalunya conseguirá a mesma lexitimidade que o seu pai cando parou o 23-F”. Esta aposta teima polas mitoloxías da chamada Transición e polo tanto, está completamente falseada, non só pola evidente participación de El-Rei no que acabou orixinando o asalto ao Congreso de 1981 senón tamén pola insultante comparación entre o desexo dun pobo a expresarse nas urnas e un golpe militar de inspiración fascista. Pero así funciona o aparato propagandístico do Estado español, preocupado pola convocatoria dun referendo en Catalunya o 9 de novembro e tamén pola recente vitoria de ERC nas europeas, molestia esta última que comparten con CiU.

Así como é certo que nos últimos tempos o presidente Artur Mas non puido máis que acompañar á inmensa reivindicación popular a prol da soberanía, tamén resulta evidente que esta decisión -ou obriga- ten xerado incomodidade na forza política á que pertence e nalgunhas elites económicas moi achegadas a ela. CiU é forza central na Cultura da Transición. Pactou a Constitución, chegou a acordos con PSOE ou PP e non dubidou en responder con recortes sociais á actual crise. Un dos seus referentes históricos -Roca i Junyent- é o avogado da infanta no Caso Urdangarín, elixido persoalmente pola Casa Real. Toda esta tradición vive en sufrimento desde o non centralista ao Estatut e o estoupido popular xa non só polo dereito a decidir, senón pola independencia. Tivo CiU que sumarse. Pero nunca deixou Mas de falar de negociación ou deixar no aire a posibilidade de que un concerto económico semellante ao vasco puidese frear a aposta soberanista, onde insiste moito a parte máis dereitista da coaligación, liderada por Durán. Como se iso fose posíbel ou dependese deles.

Hai preocupación en CiU pola vitoria de ERC e tamén pesa moito aínda a tradición pactista, como a de Roca, o avogado da infanta

Artur Mas suspendeu parte dunha viaxe a Estados Unidos para estar presente na coroación de Felipe VI. Xesto de gran relevancia política. CiU non votará en contra nin realizará ningún acto de rexeitamento á nova etapa da monarquía española. Seica uns e outros queren abrir un novo tempo, que mesmo se mova na procura dun acordo que remate na suspensión da consulta do 9-N. É o clásico de CiU e unha necesidade para o novo rei. Porén, ambos os dous asumen formas de actuación política xa superadas, doutro tempo, precisamente o que agora se combate. Non parece viábel que os centos de miles de cataláns que levan tres anos berrando pola independencia vaian cambiar de opinión porque llo digan Artur Mas e Felipe VI, con Rajoy e Susana Díaz ao seu lado. Non vai ceder tampouco a maioritaria esquerda a prol da consulta e contraria á monarquía fronte as elites que con ela traballan. Os posíbeis pactos por arriba xa non se aceptan por abaixo.