Os traballadores de TV3 rexeitan o convenio proposto pola empresa

A diferenza do cadro de persoal da radio catalá, o da televisión negouse a aceptar a oferta da compañía. A nova non pasa desapercibida en Galiza, onde a CRTVG está a negociar un novo convenio colectivo con redución de masa salarial.

 

Os e as traballadoras de Televisió de Catalunya rexeitaron a proposta de novo convenio colectivo realizada pola compañía. Unha oposición a ese acordo que, informan desde Naciodigital, foi claramente maioritaria. Segundo fontes citadas por este medio catalán, no referendo para votar ese acordo tomaron parte o 83 por cento dos e das empregadas da TV3, sendo a porcentaxe de votos contrarios a apoialo do 89%.

Desta forma o cadro de persoal da televisión catalá amosa o desacordo frontal coa proposta feita pola empresa, o que contrasta coa posición dos e das traballadoras de Catalunya Ràdio, que si votaron a prol do convenio. A proposta da dirección era unha redución liñal do 7,25% nos salarios da televisión e dun 6% progresivo (e diferentes segundo categorías) na radio. Na primeira proposta da empresa o recorte salarial para a televisión era do 15%.

Interese en Galiza

Esta noticia chega cando en Galiza estase a negociar un novo convenio colectivo de CRTVG e a empresa a defender minguar a masa salarial (algunhas fontes apuntan recortes neste eido de até 10 puntos no orzamento global da compañía).