A terceira noite de revolta en Sants contra o desaloxo de Can Vies deixa 27 detidos

Foto: Atlas

Os incidentes prolongáronse durante horas após unha manifestación de máis de 7.000 persoas neste barrio barcelonés en apoio a CSO Can Vies. Ducias de concentracións de solidariedade co centro decorreron en Catalunya nesta cuarta feira.

A terceira noite de altercados e incidentes no barrio barcelonés de Sants polo desaloxo e derrubo do Centro Social Okupado de Can Vies saldouse con 27 persoas detidas acusadas de desorde públicas, danos ou atentado a axente da autoridade. Esta cuarta feira volveu ser unha xornada de protesta e mobilización contra a decisión de derrubar un edificio no que desde hai 17 anos aniñaba “un espazo de disidencia e contra-poder”. E tamén de experiencias comunitarias e veciñais desde, para e co barrio.

Máis de 7.000 persoas manifestáronse en Sants contra o desaloxo. Boa parte delas chegadas en 'columnas' desde outros barrios de Barcelona para amosar o seu rexeitamento da decisión do Concello de acabar con case 2 décadas de Can Vies. Por toda Catalunya houbo concentracións de apoio a Can Vies, algunhas delas rematando tamén en incidentes (caso de Reus, Tarrassa, Lleida ou Tarragona), mais non coa intensidade dos de Sants.

200 antidisturbios españois para apoiar os Mossos

En Sants houbo barricadas e enfrontamentos cos Mossos, alén de danos a entidades bancarias. Varios medios internacionais (como a cadea estadounidense NBC) recollían esta quinta feira imaxes e noticias dos disturbios. A Policía Nacional española xa anunciou que enviará 200 antidisturbios para apoiar á policía catalá.

@s veciñ@s, segundo o relato de medios como La Directa, empregaron como banda sonora da protesta a Lluis Llach e 'L´Estaca' para alén de 'La Gallineta ha dit que no, visca la revolució’ .

O derrubo dun "espazo de contrapoder"

Após sete anos de loita nos xulgados, @s ocupantes e o Ajuntament de Barcelona racharon as negociacións perante a negativa da administración local a retirar a petición de despexo que finalmente foi ratificada pola xustiza. Logo de 17 anos de ocupación e auto-xestión, o CSO Can Vies foi derrubado esta semana poñendo fin a un espazo que visaba desenvolver un outro modelo social

"Temos claro que a decisión de tirar e desaloxar [o centro social] é puramente política e ten como obxectivo dinamitar un espazo de contrapoder completamente auto-xestionado e que fuxe da tutela institucional", explicaron desde a Plataforma de apoio a Can Vies (que ten o apoio das CUP, ERC, ICV-EUiA e a Federación de asociacións veciñais de Barcelona). Neste senso, a resposta social foi contundente face o derrubamento.