'Contra a corrupción, alcalde demisión'

[Imaxes: Maia e Zapa Dacosta]
Ducias de persoas concentráronse esta quinta feira ás portas do Concello de Compostela para exixir a demisión do rexedor conservador Ángel Currás, imputado na operación Pokemon canda a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez. A concentración, unha chamada do BNG a "limpar o desgoberno", foi secundada por sindicatos e organizacións políticas


Currás demite, Santiago non te admite, Non é un Concello, é un cortello ou Contra a corrupción, alcalde demisión. A berros. Así manifestaron a súa repulsa ducias de persoas en contra do goberno municipal que encabeza o rexedor Ángel Currás (PP), imputado na operación Pokemon contra a corrupción canda a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez. 



O descontento chegou até o salón de plenos a través das fiestras que dan á praza do Obradoiro, onde estaba convocada unha reunión extraordinaria para facer oficial a saída da edil Paula Prado, nomeada voceira nacional do PP na Galiza.

"Esta situación vén derivada dun xeito de gobernar que está en proceso de investigación por parte da Xustiza", con diversas imputacións a membr@s do grupo de goberno, asesor@s e altos cargos directivos nomeados polo PP "que atenden as directrices do alcalde".

Nestes termos expresouse o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, falando en representación do seu grupo municipal, que se ausentou do pleno ordinario para protestar contra o "desgoberno local".

Rexeitaron, aliás, que o executivo local non se comprometa para saldar as débedas contraídas coa empresa de limpeza e conserxaría dos centros de ensino. 

"Hoxe vivimos unha situación politicamente insostíbel, sen precedentes na historia deste Concello", manifestou Cela, sinalando que perante o panorama en que dúas persoas do grupo de goberno fican imputadas por corrupción a cidadanía de Compostela "o único que pode sentir é vergoña".

Así, instou a Currás a que presente a súa demisión "por decencia e por responsabilidade". Namentres, ás portas do pazo de Raxoi, ducias de persoas clamaban polo mesmo: a saída do conservador da alcaldía. 

Convocada pola formación frontista, da concentración fixeron parte tamén organizacións sindicais como CIG ou CUT, formacións políticas como Candidatura do Povo e colectivos xuvenís como Galiza Nova.