"O galego para a Xunta é unha roncha"

Durante a rolda de imprensa [SG]

O BNG presenta no Parlamento unha proposición de lei para a reforma da Lei de normalización lingüística cadrando co 30 aniversario da súa promulgación. Exixirá unha "oferta en positivo" en eidos como o ensino, a sanidade, a xustiza, os medios de comunicación e, por suposto, a Administración pública


"O galego para a Xunta é unha roncha". Así de clara e taxativa foi a descrición que a profesora Pilar García Negro fixo do desleixo da Xunta de Galiza respeito da lingua propia do País e da aplicación da Lei de Normalización, promulgada hai 30 anos e que deixa "un panorama desolador desde o punto de vista gobernamental". Ao igual que fixo co gallo do décimo e do vixésimo aniversario da norma, o Bloque volveu presentar no Parlamento unha proposición de lei para a súa modificación co obxectivo, en palabras da deputada nacionalista Ana Pontón, de "promover un avanzo no proceso normalizador" cara á súa "revisión" e "modernización". 

Así as cousas, a formación frontista presentou esta segunda feira en rolda de imprensa o texto co cal pretende abrir "non só en sede parlamentar, senón no conxunto da sociedade" un fondo debate ao redor da situación actual da lingua para pór freo "ás tendencias negativas" en que se atopa mergullada. Un dado: segundo un estudo realizado pola Mesa pola Normalización, unicamente o 9% das escolas do País situadas nunha contorna urbana imparte "algunha materia" en galego.

Educación, sanidade, xustiza e imprensa en galego

O ensino será un dos eidos en que a reforma impulsada polo Bloque quere incidir, estabelecendo que será a nosa propia a lingua de instalación predominante do alumnado tendo sempre en conta a súa contorna. "Nas contornas castelanfalantes a presenza do galego será, como mínimo, igual á da lingua castelá", explicou Pontón Mondelo, acrecentando que en bacharelato e nos ciclos formativos o obxectivo a conquerir é a obriga dun 50% da docencia en galego "como mínimo e por lei". 

O respecto pola toponimia desbotando as formas deturpadas e unha "oferta en positivo" non só de parte da Xunta de Galiza, senón tamén das empresas que prestan servizos ás administracións públicas e, por extensión, daquelas que operan no País "para que a cidadanía poida exercer o seu dereito" a ser atendida en galego son outros dos puntos que toca o texto legal da formación frontista, para alén da sanidade, a xustiza e os medios de comunicación.

"Vai sendo hora da vontade política"

"Calquera persoa preocupada pola recuperación das linguas subordinadas sabe da importancia das leis para garantir a estabilidade dos dereitos que foron conqueridos nas rúas", atallou Goretti Sanmartín, profesora da UdC e integrante da Executiva nacional do Bloque. Lembrou Sanmartín o pouco aprezo que os poderes públicos lle emprestaron de sempre ao galego, sendo a cidadanía quen supriu esa eiva, e enfatizou que "xa vai sendo hora dunha vontade política" que pule pola normalización dun idoma que se atopa, ao seu xuízo, "nunha situación dramática". 

"Todos os galego somos fillos da imposición do español", proclamou Pilar García Negro para acrecentar que as políticas impostas pola Troika e pola UE, alén das españolas, afondarán "na postergación" da lingua. García Negro, voceira do Bloque en materia lingüística durante a elaboración do Plan de Normalización, subliñou como "a vella pregunta" sobre se é posíbel vivir integramente en catelán e en galego recibirá resposta positiva no primeiro caso; no segundo, "de ningunha maneira".

Arremeteu contra a "crecente exclusión social tornada en abertamente ilegal" á cal a Xunta do PP condena a lingua galega e reivindicou como primeira obriga que as súas políticas "ingresen na legalidade". A profesora valorou as recentes declaracións do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, sinalando que son propias "dun españolismo extremista".