O PP incumpre a lei e financia o ensino sexista

As sentenzas promulgadas polo Tribunal Supremo a respecto do ensino segregacionista por razón de xénero poñen en xaque unha Xunta de Galiza que avala a educación sexista a través da subvención a este tipo de escolas.

O goberno de Núñez Feijóo renovaba en 2009, coa súa chegada á Xunta de Galiza, os concertos públicos con escolas que desenvolven unha educación diferenciada e segregacionista entre mulleres e homes. Malia incorrer nunha ilegalidade, pois a Lei Orgánica de Educación (LOE) no seu artigo 84.3 dispón con clareza que "en ningún caso haberá discrimación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición", o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, aseveraba nunha intervención parlamentar en 2009, que a renovación dos concertos respectaba a legalidade. Así mesmo, a propia consellaría de Educación, en resposta escrita ao grupo parlamentar do BNG --ese mesmo 2009-- aseguraba que "a educación diferenciada é legal e non se pode considerar discriminatoria", facendo fincapé en que a LOE non se refería ao concepto da coeducación mais que como un "elemento de priorización".

Após tres anos de incumprimento legal, o Tribunal Supremo vén de promulgar dúas sentenzas onde se recolle a importancia do artigo 84.3 e por ende, nas cales se introduce como criterio de non discriminación no proceso de adminsión de alumnado o sexo.

Unha proposición non de lei a prol do ensino público coeducativo

Neste sentido, o grupo parlamentar nacionalista vén de presentar no rexistro do Parlamento galego unha proposición non de lei en que exixen a parálise das subvencións a este tipo de escolas. Carme Adán, voceira de ensino do BNG, explica que o obxectivo da proposta é facer que a Xunta de Galiza cumpra coa normativa en materia educativa e polo tanto, que o goberno do Partido Popular rescinda para o vindeiro curso 2012-2013 os concertos educativos con centros de ensino privado que segregan o alumnado por razón de xénero. A máis de constituír un mandato legal após coñecer as sentenzas do Tribunal Supremo, @s nacionalistas subliñan que o mantemento deste tipo de ensino impide acadar unha sociedade igualitaria.

Asemade, Adán lembrou que xa no ano 2009, o PP votara en contra dunha iniciativa d@s nacionalistas na cal se exixía a parálise destes convenios mais, en troques de suprimilos, "a consellaría de Educación recortou fondos ao ensino público mentres incentivou os centros privados e sexistas". A deputada nacionalista lembrou que na Galiza existen cinco centros privados onde se separa o alumnado por sexos e que percibirán "perto de tres millóns de euros" en subvencións públicas. Xa que logo, Adán demandou a "retirada inmediata" dos fondos destinados a estes centros, e ademais, instou a que este diñeiro sexa dirixido "ao mantemento de 145 unidades educativas que serán suprimidas o vindeiro curso".

O ministro de educación Ignacio Wert propón modificar a LOE

Segundo o ministro de Educación español, a segregación por xénero nos centros de ensino non é incompatíbel coa non disciminación, polo que estaría disposto a incorporar unha outra disposición na LOE, pola que se determine de maneira explícita, a posibilidade de recibiren fondos públicos os devanditos centros.