"Queren facer de nós figurantes a deputad@s"

Imaxe do Parlamento de Galicia.

O Pleno extraordinario do Parlamento de Galiza, aproba a reforma da estrutura do Valedor do pobo, a modificación do regulamento da cámara e a creación dunha comisión de invetigación das caixas.

A sesión extraordinaria desenvolvida esta quinta no Parlamento da Galiza tivo como eixo transversal en todas as cuestións da orde do día, a achega do Partido Popular encamiñada a reducir a 61 o número de escanos. Tanto é así, que a presidenta, Pilar Rojo, emprazou en varias ocasións a deputada do PSOE, a centrar o seu relatorio no asunto que cumpría tratar.
@s deputad@s do BNG e o PSOE acusaron o grupo popular de facer un uso fraudulento da Cámara ao impediren, en non poucas ocasións, a introdución de puntos na orde do día da proposta da oposición. "Queren facer de nós figurantes a deputad@s", aseverou o nacionalista Suárez Canal, lembrándolle ao grupo parlamentar do PP que a oposición "posúe máis votos que o goberno e aínda así non poden introducir nin un só tema".

A estrutura do Valedor do pobo, ou como gobernamentalizar unha institución
O grupo popular propuña a reforma desta institución valéndose do aforro institucional como argumento, mais co obxectivo de perpetrar o carácter de interino que posúe o actual valedor. Lembremos que a anterior persoa que exercía o cargo, Benigno López, dimitiu das súas funcións por mor da presión dos medios e da sociedade que supuxeron as súas declaracións ao afirmar que os recortes eran "xustos, imprescindíbeis e necesarios".

Suárez Canal, que se opuxo de facto á proposta do Partido Popular por a consider unha ferramenta de "gobernamentalización" da institución, criticou a actitude do goberno galego ao non aceptar as emendas achegadas polo grupo parlamentar do BNG e presentar unha proposta "unilateral" que deixa ver os intereses do goberno na propia reforma, cuxo obxectivo é, "controlar a institución do Valedor do pobo, dentro dunha deriva antidemocrática e recentralizadora", asegurou o nacionalista.

Pola súa banda, a voceira do PSdeG-PSOE, criticou tamén a exclusión de moitas das súas emendas e anunciou a abstención do seu grupo --que previamente dera o seu apoio á proposta na comisión-- até que o grupo popular non apease da redución no número de deputad@s. O interlocutor popular, aproveitou a quenda de réplica para acusar @s socialistas de "travestismo" político.


Reforma do regulamento da Cámara
A proposta do grupo popular presentou unha reforma do regulamento da Cámara, encamiñada a habilitar unha outra posibilidade de participación d@s deputad@s que por maternidade/paternidade ou enfermidade grave non puidesen exercer as súas obrigas parlamentares.
A voceira do BNG, Tareixa Paz, salientou a "obscenidade" que representaba debater sobre a igualdade das mulleres, cando o ministro de xustiza español, o popular Alberto Ruíz Gallardón, informara das intencións do goberno central de eliminar o suposto de malformación da lei do aborto de 1985.

Paz ironizou sobre a viabilidade da proposta ao afirmar “non sei até que punto debemos seguir coa modificación do regulamento
do Parlamento cando en realidade o Partido popular segue cuestionando a representatividade democrática desta institución". A nacionalista defendeu a abstención do seu grupo de non introducir o ditame da comisión, a corresponsabilidade nas súas disposicións preliminares e o carácter subsidiario do voto delegado en favor da participación telemática en favor dun exercicio pleno das obrigas parlamentares.

A voceira do PP, Marta Rodríguez, acusou a oposición de (re)buscar argumentos para se opor ao consenso de calquera forma e salientou o afervoado traballo do seu grupo a prol da igualdade na Cámara --esquecendo as prácticas e feitos consumados ao londo de múltiples lexislaturas, desenvolvidas polo PP--. Pola súa banda Paz aseguroulle que "para o PP o consenso reside en que @s demais nos aveñamos ás posturas do PP".

A comisión de investigación das caixas
Era un punto da orde do día agardado, pois en repetidas ocasións a oposición propuxera a súa introdución. Finalmente o PP presentou no pleno extraordinario, a toma en consideración dunha comisión investigadora que bote luz sobre o proceso de bancarización das caixas galegas. As bancadas da oposición fervían perante as afirmacións de Pedro Puy, voceiro d@s populares, que aseguraba con soberbia "esta proposta si que vai ter éxito e será apoiada pola oposición". A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, emprazou en reiteradas ocasións @s deputad@s socialistas para respectaren a quenda de intervención de Puy e a permaneceren calad@s.

Puy asegurou que a serodia proposta respondía á espera da auditoría das caixas e a recapitalización destas a través do fondo de rescate. Para Carlos Aymerich, voceiro d@s nacionalist@s, "nin o Parlamento galego nin o español van decidir agora nada, decidirán os homes de negro" e sinalou a falta de regulación do sector financeiro, o sobreendebedamento d@s particulares e a fraude fiscal dos máis ricos como responsábeis da realidade que viven hoxe as caixas.

Pola súa banda, @s socialistas exixiron unha comisión útil e transparente en que comparezan tod@s as persoas responsábeis da deriva das caixas, mentres amosaba a súa voceira, unha foto de Núñez Feijóo cos directivos de NGB.

A proposta da comisión saíu a diante cos votos favorábeis de tod@s @s presentes.