"Queren facer de nós figurantes a deputad@s"

Imaxe do Parlamento de Galicia.

O Pleno extraordinario do Parlamento de Galiza, aproba a reforma da estrutura do Valedor do Pobo, a modificación do regulamento da cámara e a creación dunha comisión de invetigación das caixas.

A sesión extraordinaria desenvolvida esta quinta no Parlamento da Galiza tivo como eixo transversal en todas as cuestións da orde do día, a proposta do Partido Popular encamiñada a reducir a 61 o número de deputad@s. Tanto é así, que a presidenta, Pilar Rojo, emprazou en varias ocasións ás deputadas do PSOE, a centrar o seu relatorio no asunto a tratar.
Acusaron @s deputad@s do BNG e o PSOE ao grupo popular de facer un uso fraudulento da Cámara ao impedir en non poucas ocasións, a introdución de puntos na orde do día as propostas da oposición. "Queren facer de nós figurantes a deputad@s", aseverou o nacionalista Suárez Canal, lembrándolle ao grupo parlamentar do PP que a oposición "posúe máis votos que o goberno e aínda así non poden introducir nin un só tema".

A etrutura do Valedor do pobo, ou como gobernamentalizar unha institución
O grupo popular propuña a reforma desta institución valéndose do aforro intitucional como argumento, mais co obxectivo de perpetrar o carácter de interino que posúe o actual Valedor. Lembremos que a anterior persoa que exercía o cargo, Benigno López, demitiu das súas funcións verbo da presión mediática e social que levantaran súas declaracións ao afirmar que os recortes eran "xustos, imprescindíbeis e necesarios".

Suárez Canal, que se opuxo de facto á proposta do Partido Popular por considerala unha ferramenta de "gobernamentalización" da institución, criticou a actitude do goberno galego ao non aceptar as emendas achegadas polo grupo parlamentar do BNG e presentar unha proposta "unilateral" que deixa ver os intereses do goberno na propia reforma, cuxo obxectivo é, "controlar a institución do Valedor do Pobo, dentro dunha deriva antidemocrática e recentralizadora", asegurou o nacionalista.

Pola súa banda, a voceira do PSdeG-PSOE, criticou tamén a exclusión de moitas das súas emendas e anunciou a abstención do seu grupo --que previamente dera o seu apoio á proposta na comisión-- até que o grupo popular non apease da redución no número de deputad@s. O interlocutor popular, aproveitou a quenda de réplica para acusar @s socialistas de "travestismo" político.


Reforma do regulamento da Cámara
A proposta do grupo popular, presentouse unha reforma do regulamento da Cámara, encamiñada a habilitar unha outra posibilidade de participación d@s deputad@s que por maternidade/paternidade ou enfermidade grave non puideren exercer as súas obrigas parlamentares.
A voceira do BNG, Tareixa Paz, ironizou coa "obscenidade" que representaba debater sobre a igualdade das mulleres, cando o ministro de xustiza español, o popular Alberto Ruíz Gallardón, informara das intencións do goberno central de eliminar o suposto de malformación da lei do aborto de 1985.

Paz ironizou coa viabilidade da proposta ao afirmar “non sei até que punto debemos seguir coa modificación do regulamento
do Parlamento cando en realidade o Partido popular segue cuestionando a representatividade democrática desta institución". A nacionalista defendeu a abstención do seu grupo de non introducir o ditame da comisión, a corresponsabilidade nas súas disposicións preliminares e a subsidiariedade do voto delegado en favor da participación telemática en aras dun exercicio pleno das obrigas parlamentares.

A voceira do PP, Marta Rodríguez, acusou á oposición de (re)buscar argumentos para oporse ao consenso de calquera forma e salientou o afervoado traballo do seu grupo a prol da igualdade na Cámara --esquecendo as prácticas e feitos consumados ao londo de múltiples lexislaturas, desenvolvidas polo PP--. Pola súa banda Paz aseguroulle que "para o PP o consenso reside en que @s demais nos aveñamos ás posturas do PP".

A comisión de investigación das caixas
Era un punto da orde do día agardado, pois en repetidas ocasións a oposición propuñera a súa introdución, obtendo máis pena que gloria. Finalmente o PP, presentou a pleno extraordinario, a toma en consideración dunha comisión investigadora que bote luz sobre o proceso de bancarización das caixas galegas. As bancadas da oposición fervían ante as afirmacións de Pedro Puy, voceiro d@s populares, que aseguraba con sobervia "esta proposta si que vai ter éxito e será apoiada pola oposición". A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, emprazou en reiteradas ocasións @s deputad@s socialistas a respectaren a quenda de intervención de Puy e a permaneceren calad@s.

Puy asegurou que a serodia proposta respondía á espera da auditoria das caixas e a recapitalización das mesmas a través do fondo de rescate. Para Carlos Aymerich, voceiro d@s nacionalist@s, "nin o Parlamento galego nin o español van decidir agora nada, decidirán os homes de negro" e sinalou a falla de regulación do sector financeiro, o sobreendebedamento d@s particulares e a fraude fiscal dos máis ricos como responsábeis da realidade que viven hoxe as caixas.

Pola súa banda, @s socialistas exixiron unha comisión útil e transparente na que comparezan tod@s as persoas responsábeis da deriva das caixas, mentres amosaba a súa voceira, unha foto de Núñez Feijóo cos directivos de NGB.

A proposta da comisión saiu a diante cos votos favorábeis de tod@s @s presentes.