137 concellos carecen do servizo de ambulancia medicalizada

Sesión da comisión de Sanidade, Política Social e Emprego onte no Parlamento da Galiza. (Foto: Parlamento da Galiza).

As eivas no transporte sanitario chegaron onte ao Parlamento da Galiza. A deputada do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado reclamou máis medios para dar resposta ás necesidades da cidadanía. O Partido Popular opúxose á proposta, que si foi apoiada pola formación socialista.

Prado sinalou que “a Galiza só conta 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA,) localizadas en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo; dúas na cidade da Coruña e no Salnés, Foz e Monforte, estas tres últimas cun só técnico”. Na mesma dirección, indicou que dispón só de “dous helicópteros de soporte vital avanzado emprazados en Santiago de Compostela e Ourense”,

A falta de medios

A deputada nacionalista denunciou que “son insuficientes tanto os helicópteros como o número de ambulancias de soporte vital avanzado”, popularmente coñecidas como ambulancias medicalizadas. Na mesma liña, criticou que “o servizo de helicópteros para emerxencias sanitarias en diversos meses do ano non están operativas de orto a ocaso” tal como fixa o contrato asinado coa empresa adxudicataria da concesión.

As críticas de Prado coincidiron, en parte, coas formuladas polo Consello de Contas da Galiza no informe de 2023. O referido relatorio sinalaba que as ambulancias de Soporte Vital Avanzado (SVA) non prestaron ningún servizo en 137 concellos galegos. Nesta situación, atópanse comarcas enteiras da Galiza como Baixo Miño, Bergantiños, O Barbanza, A Costa da Morte, O Condado, Terra de Lemos, A Terra Chá, O Ribeiro ou Valdeorras.

Os tempos de resposta

Os tempos de resposta das ambulancias de SVA non cumpren coas recomendacións fixadas polas técnicos. Nesta dirección, o tempo recomendado de resposta para as ambulancias medicalizadas é de 17 minutos e 58 segundos, mais o Consello de Contas apunta que isto “só se cumpre para as sete grandes cidades e para os concellos de Foz, Monforte, Vilagarcía e zonas nun radio de 20 de quilómetros”.

A parlamentaria socialista, Elena Espinosa apoiou a proposta nacionalista de mellorar o servizo de transporte hospitalario nas sete áreas sanitarias galegas. A este respecto, lembrou as problemáticas xurdidas neste verán en diversos puntos do país, criticando o traslado da ambulancia medicalizada con base en Vilagarcía (O Salnés) ao concello de Sanxenxo, emprazado na mesma área.

As razóns do PP

Os populares rexeitaron a iniciativa e defenderon o actual modelo de prestación do servizo. Neste caso, a parlamentaria do Partido Popular María Dolores Hermelo argumentou que a Xunta da Galiza destinou “135 millóns de euros a este servizo, porque cando nós gobernamos os servizos sempre crecen”. Ao tempo, asegurou que as bases das ambulancias medicalizadas “están determinadas por criterios técnicos e serán sempre os criterios médicos quen determinen as necesidades”.

Hermelo significou a “evolución positiva na oferta de ambulancias” e insistiu en que a oferta responde “a necesidades asistencias que son revisadas de modo periódico adaptándoas ás necesidades asistencias