#24M: dous meses para unhas municipais diferentes

O BOE publica esta terza feira o Real Decreto de convocatoria duns comicios nos que se deitan lecturas que sobordan as interpretacións restrinxidas a unha simple elección de alcaldes e concelleiros.

 

O Boletín Oficial do Estado publica nesta terza feira o Real Decreto de convocatoria das eleccións municipais do 24 de maio aprobado no Consello de Ministros da pasada sexta feira. Nesa xornada decorrerán tamén comicios en 13 comunidades autónomas, mais a convocatoria destas corresponde aos respectivos gobernos.

A publicación do RD supón o inicio da conta atrás para unhas eleccións sobre as que conviven miradas e interpretacións diversas, mais que coinciden en sinalar que -polos actores que toman parte nas mesmas e polo momento no que chegan- non son uns comicios ao uso, coa suposta fin do bipartidismo como horizonte. A campaña comezará o 8 de maio e estenderase até o 22 dese mes e, no conxunto do Estado, hai 34,6 millóns de persoas con dereito a voto.

Desde a publicación no BOE finaliza o prazo legal para realizar inauguracións, o que axuda a entender o fervello de actividades varias estas semanas en Galiza cortando fitas, facendo fotos perante placas, repartindo apertas... En só 15 días altos cargos do Estado e da Xunta tomaron parte en máis de medio cento de inauguracións.

PP

O Partido Popular sabe que nestas eleccións vai perder votos e poder, mais confía en que o aparecimento de novos referentes na esquerda faga que se ben se dea o primeiro suposto (perder votos) este non se traduza no segundo (perder poder). Nunha recente reportaxe, o ABC -o xornal de querencia de Mariano Rajoy- sinalábase que o Partido Popular contaba con perder 2.000 cargos en todo o Estado, entre alcaldes e concelleiros.

O resultado das andaluzas foi pésimo e o núcleo dirixente popular teme que indique o camiño das vindeiras citas coas urnas.

En Galiza, o PP quer xogar a baza de ser a papeleta da seguridade e o orde fronte un ‘sarillo’ de propostas que, di, representa a oposición. A carta da recuperación económica loce máis que feble en Galiza, cuns dados que indican que o país vai á cola do Estado español canto á reactivación económica, cunha emigración sangrante e cuns salarios dos máis baixos.

PSOE

Os socialistas respiraron en Andalucía mais ese alento non axuda en Galiza, territorio onde o PSOE baseou tradicionalmente a súa presenza no liderazgo persoal en determinados concellos e no tirón da formación a nivel ‘estatal’ máis que nun proxecto de país. Inquéritos e sondaxes dan por feito que o PSOE será a lista máis votada en Vigo e que poderán recuncar en Lugo, mais aí semella que acaban as esperanzas para os socialistas galegos.

BNG

O BNG presentará candidaturas en case 300 dos 314 concellos do país coa fórmula BNG-Asembleas Abertas, unha mostra de persistencia, presenza e compromiso após catro anos marcadas polas convulsións no campo nacionalista. O seu portavoz nacional, Xavier Vence, destaca que a fronte xoga “na primeira liga,na de todo o país”. Os nacionalistas preséntanse non só como alternativa ás políticas de dereitas e “contra a maioría social” do PP, senón como a forza que garante políticas de esquerda e galegas. Feitas para cidades e vilas no marco dunha visión de conxunto de pobo e non de 314 concellos sen conexión entre eles.

Marés

Perto de medio cento de candidaturas ‘cidadás’ concorrerán á cita do 24 de maio en Galiza. Nas últimas semanas unha parte delas mantiveron encontros e xuntanzas de cara a fixar un proxecto que, respetando a soberanía de cada unha delas, non fique limitado ao local. Formacións como Anova, Esquerda Unida e Podemos están a apostar por esta modalidade para as municipais, nunha dinámica non exenta de tensións (Ourense, Ferrol...). Falan das municipais como unha oportunidade de ruptura co réxime do 78 e de poñer en práctica unha ‘nova política’.

No limiar deste proceso eleitoral, as marés deixan atrás unhas primarias que non responderon ás espectativas: en Vigo, Santiago e A Coruña o cabeza de lista foi eleito por "consenso" e non por elección entre vari@s candidat@s e en Ourense, onde si houbo votación, finalmente esta foi anulada por suposto carretaxe de votos.