O 29 haberá listas do BNG nas grandes cidades e os concellos con goberno nacionalista

Executiva Nacional BNG

Persoas non militantes irán nos tramos altos das candidaturas a través das Asembleas Abertas, anuncia Vence. O portavoz nacional insiste na necesidade de "ensanchar a base do nacionalismo".

 

O Consello Nacional do BNG que decorrerá o 29 deste mes designará as persoas cabeza de lista e ás do primeiro tramo das candidaturas do BNG-Asembleas Abertas nas grandes cidades e naqueles concellos con goberno nacionalista. Serán listas, afirmou o portavoz nacional da fronte nacionalista Xavier Vence, conformadas sobre as propostas recibidas tras a celebración da segunda ronda de asembleas abertas convocadas en todas as comarcas do país. Vence adiantou que incluirán persoas sen militancia no Bloque nos primeiros postos. “Estamos incorporando persoas que non militan no BNG pero que se incorporan a través das asembleas abertas. Persoas sen militancia estarán nos primeiros postos desas listas”, explicou.

No almorzo organizado polo Colexio de Xornalistas de Galiza en Santiago, Vence volveu insistir na necesidade de “ensanchar a base social do nacionalismo” incorporando as persoas “que apostan nun proxecto propio para o país” pensado para a maioría social, de aí o diálogo social a través das asembleas abertas e, no persoal, con todos e todas os que queiran contribuír a reforzar un gran polo nacionalista".

Fiscalía contra Mas

Sobre a decisión da Fiscalía Xeral do Estado de querelarse contra o presidente de Catalunya, Vence salientou que é un erro, "un novo exemplo da miopía de Madrid con esa persistencia nunha vía xudicial, represiva e antidemocrática contra a vontade maioritaria do pobo catalán de expresarse nas urnas. Unha equivocación do Goberno central que impulsa esa denuncia, como xa expresaron os fiscais de Catalunya”, argumentou.