40 organizacións europeas de esquerda nacionalista asisten en Compostela á asemblea da ALE

O BNG fará de anfitrión nunha cita chave que decorrerá do 13 a 15 de febreiro, ás portas dos comicios europeos, e na que se porán en común experiencias e ideas para a construción da Europa dos Pobos.

Compostela, a capital de Galiza, vai ser o lugar onde a Alianza Libre Europea (ALE) realice o vindeiro mes de febreiro a súa asemblea anual, nunha cita que terá ao BNG como anfitrión e na que estarán presentes 150 representantes de 40 formacións nacionalistas e de esquerdas procedentes de 17 estados europeos. A cita vai decorrer a apenas 3 meses das eleccións do 25 de maio á Eurocámara, onde o Bloque partilla grupo no hemiciclo de Bruxelas coa ALE en coalición cos Verdes europeos.

A ALE ten como un dos seus alicerces a defensa da Europa dos pobos, defendendo o dereito de autodeterminación como chave para una Europa onde a xustiza social, a liberdade e a igualdade sexan as súas trabes. Entre as organizacións que integran a Alianza están, alías do BNG, ERC, Eusko Alkartasuna, SNP (Escocia) ou Plaid Cymru (Gales), entre outros.

Europa das nacións e por un outro modelo

A asamblea será inaugurada polo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e polo presidente da ALE, o flamenco Eric Defoort, e o encontro dará ás formacións políticas a oportunidade de estreitar lazos de cara o traballo conxunto como organizacións nacionalistas e no Parlamento Europeo despois das eleccións de maio.

Neste sentido, a xornada do 15 de febreiro estará centrada nun gran acto político que organiza o BNG coa participación de diferentes referentes políticos da ALE para abordar o reto das eleccións europeas, nas que o Bloque marca como obxectivo acadar unha voz forte para a defensa de Galiza en Bruxelas “e contribuír a construción dun modelo de Europa democrática, solidaria e dos pobos, fronte ao modelo neoliberal impulsado pola Troika ao servizos dos lobbies económicos e financeiros”.

Encontro da mocidade

Aliás, e en paralelo coa Asemblea anual da ALE, tamén se vai celebrar en Santiago a Asemblea de ALE-Mocidade, que congregará ás organizacións e grupos das mocidades dos partidos membros, neste caso con Galiza Nova como anfitrioa e, igualmente, haberá actos concretos coas fundacións dos partidos políticos organizados pola Fundación Galiza Sempre (FGS).

A secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, que asistiu esta semana á executiva da ALE, salientou “a importancia” desta cita que traerá a Santiago en vésperas dos comicios europeos a responsables políticos de organizacións nacionalistas de toda Europa que comparten o dereito dos pobos a decidir por si mesmos que, no caso do BNG, supón a defensa do autogoberno e das institucións do noso País, para avanzar cara unha Galiza soberana.