Obstáculos á oposición

A censura a Leo Bassi e o Bloque chega ao Valedor do Pobo

Rafa Vilar cre que o concello "non garante a pluralidade".

Rafa Vilar, concelleiro do BNG en Santiago, presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo pola censura vivida por parte do Concello, daquela aínda encabezado por Xerardo Conde Roa, que impediu a realización dunha rolda de prensa do grupo municipal nacionalista xunto ao artista Leo Bassi, cuxa actividade na cidade fora boicoteada polo anterior alcalde.

“De acordo co estabelecido co gabinete de comunicación, para as 11:00 horas do xoves 12 de abril tiñamos solicitada a sala de prensa, mais negóusenos á entrada, polo que tivemos que improvisar o acto nas nosas dependencias, o que dificultou que os xornalistas puidesen desenvolver o seu traballo con normalidade”, afirmou o BNG nunha nota de prensa.

Rafa Vilar cualificou o ocorrido como “unha decisión arbitraria que vulnera dereitos democráticos e, desde logo, foi un feito insólito que un concelleiro do BNG non puidese acceder á sala de prensa municipal a disposición dos tres grupos con representación no Concello de Santiago. Temos que demandar do Goberno municipal que non obstaculice o labor de oposición, pois en democracia é importante que exista unha oposición que fiscalice o Goberno e que presente proposicións para garantir a pluralidade das medidas”. O concelleiro nacionalista espera que o Valedor “abra unha investigación”.