A Deputación de Lugo planta cara á Xunta polo recorte en servizos sociais
O Vicepresidente Primeiro e Deputado de Benestar Social, Antonio Veiga Outeiro e máis o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Juan José Díaz Valiño, denuncian as “claras infraccións legais acometidas polo Partido Popular” tanto nas formas como nos contidos.
Segundo as persoas representantes da deputación, o goberno galego infrinxe a Lei de Servizos Sociais ao eliminar o financiamento autonómico das Axudas no Fogar para persoas non recoñecidas como dependentes nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Ao seu ver, está tamén a infrinxir a lei cando co seu “Decretazo obriga ás Deputacións a asumir o financiamento das Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes”.
@s deputad@s fixeron relación de datos orzamentarios ao constatar que a institución provincial destinou en 2010 aos concellos 500.000 euros en subvencións para cooperar no financiamento das Axudas ao Fogar e en 2011 incrementou a cantidade cun 20% até os 600.000. Fronte a esta situación, o goberno galego aportou un millón cen mil euros en 2010 e recortou a cantidade no ano seguinte até 450.000, eliminando a partida en 2012.
“A Xunta sae moi cara aos lugueses. Pasaron das súas obrigas en Educación e a Deputación tivo que aumentar os seus cartos para Preescolar na Casa; pasaron dos gandeiros e a Deputación tivo que financiar en solitario o Centro de Recría de Gando; pasaron do Hospital de Castro onde Feijóo mentíu á cara aos veciños; e agora vólvennos a pasar a súas responsabilidades nas Axudas no Fogar e sen transferir a partida económica correspondente” anotou o deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos.
Porén, desde a Deputación sinalaron que optaron polo requerimento e non polo contencioso contra o Decreto porque queren chegar a acordos respectando as leis e garantir as prestacións á cidadanía. A Xunta de Goberno que se celebrará o venres aprobará a medida e a partir de entón o goberno da Xunta terá un mes para contestar. De non o facer nese tempo, a Deputación recorrerá ao contencioso administrativo. Se non se anular o decreto da Xunta, @s deputad@s calculan que 66 concellos da provincia se verán afectados, unhas 3.000 persoas quedarán sen esa axuda e unhas 2.000 perderán o posto de traballo.