A proposta de Feijóo blinda as provincias de Lugo e Ourense

Imaxe do Consello da Xunta
O Partido Popular vén de remitir a proposta para a redución de parlamentares aos demais grupos políticos. O texto blinda as provincias de Ourense e Lugo, onde concentran un maior número de votantes.


O texto, remitido esta terza aos grupos políticos con representación no Parlamento da Galiza, mantén 10 deputad@s por provincia e reduce o total a 61. O estatuto fixa o número entre 60 e 75. Neste sentido, o PP considéraa "unha reforma extremadamente simple" que se corresponde coas reducións promovidas pola administración ao longo desta lexislatura e que, "cumpre cos principios da representación territorial", din @s populares.

Segundo a carta anexa á proposta, asinada polo voceiro no Parlamento da Galiza Pedro Puy, o PP insta as demais forzas políticas a apoiaren a reforma e "amosaren á sociedade o compromiso conxunto" onde consideran necesarias as "políticas de racionalización do gasto".

Para a voceira do BNG, Ana Pontón, detrás da proposta existe un claro interese electoralista e a vontade de reducir o papel do autogoberno galego. @s nacionalistas proporán un debate amplo e en profundidade arredor da proposta --como manifestaron ao longo destes días--, en que presentarán as súas alternativas. Entre elas, unha reforma estrutural da lei electoral, encamiñada a mellorar a calidade democrática, onde se adopte a circunscrición única a prol da equidade entre os votos --independentemente da súa procedencia--, a redución da barreira electoral do 5% ao 3% ou mesmo a redución dos soldos d@s deputad@s na procura dun menor gasto.

Nun acto en Pontevedra, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a "representatividade se reforza co rigor e co respecto ás persoas que están desempregadas", en relación coas críticas da oposición por mor dun "pucheirazo electoral". Segundo Núñez Feijóo "os parlamentos son igual de democráticos se son de 100, 80 ou de 60 deputad@s".