O accidente de Angrois continuará sen investigación parlamentar

[Imaxe Plataforma Víctimas Alvia 04155]

Os grupos de PP e PSOE rexeitaron máis unha vez a proposta. 

O último pleno da XI lexislatura nas Cortes españolas volveu debater a proposta de creación dunha comisión de investigación arredor do accidente do Alvia acontecido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013. 

A comisión foi reclamada en numerosas ocasións pola Plataforma de Vítimas do Alvia, polo BNG e por IU na anterior lexislatura

A iniciativa foi elevada pola deputada de En Marea, Alexandra Fernández, e acompañada desde as bancadas por integrantes da Plataforma de vítimas e familiares do sinistro. Porén, os grupos parlamentares de PP e PSOE votaron en contra impedindo que a proposta saíse adiante. Embora terse aprobado esta carecería de efecto real pois as Cortes serán disoltas o vindeiro 2 de maio. 

Non é a primeira ocasión en que PP e PSOE se alían para impedir a constitución deste órgao parlamentar defendida na anterior lexislatura polo BNG e IU. Ao igual que, através da abstención, foi vetada en múltiples ocasións no Parlamento galego, embora fora reclamada a súa creación mesmo através da entrega de 115 mil sinaturas na Cámara baixa

PP e PSOE escúdanse no proceso xudicial en curso arredor do sinistro de Angrois para, din, non "interferir" 

Porén, nesta ocasión o debate rematou cunhas polémicas declaracións por parte do voceiro do grupo popular, Rafael Hernando, quen dixo á deputada galega Alexandra Fernández, que non desen "lección ningunha" sobre "vítimas" á súa formación como tampouco de "terrorismo" acusando a organización política de "codearse" con terroristas o que provocou as queixas por parte da bancada de Podemos mesmo os berros do seu líder, Pablo Iglesias. 

PP e PSOE escúdanse no proceso xudicial en curso arredor do sinistro de Angrois para, din, non "interferir" coa constitución dunha comisión mais as vítimas do accidente e familiares das 81 persoas falecidas no descarrilamento do Alvia 04155 exixen que sexan dirimidas as responsabilidades políticas, para alén das penais, que existisen no sinistro. Entre elas, o feito de non contar o tren co sistema ERTMS de freado automático sobre o que si se pronunciarán as autoridades europeas após o encontro mantido coa plataforma Victimas Alvia 04155