BREOGáN RIOBóO, SECRETARIO XERAL DE PODEMOS

"Acordos con AGE? É moi cedo para falar diso"

Breogán Riobóo (Narón, 1986) é o primeiro secretario xeral de Podemos Galiza, cargo para o que foi electo após recibir a candidatura que lideraba o 54 por cento dos votos. 

 

Foi eleito novo secretario xeral de Podemos en Galiza nun proceso no que participou co seu voto por volta do 20 por cento das persoas que están inscritas na formación..  

A participación dáse dentro dun contexto, e estamos a falar de case 4.000 persoas votando, cando noutras formacións estas cousas decídenas uns centos de delegados. Así que aquí xa se pode ver un cambio na forma de entender a política, unha aposta en que a xente sexa verdadeiramente quen decida. Da campaña a valoración a facer creo que deber ser positiva. Contactamos e falamos con xente, con movementos sociais, con plataformas... todo iso permite ter unha idea do día a día en Galiza

Nun recente artigo en Sermos Galiza (' O derradeiro ano da política galega ') Antón Losada falaba, en referencia a Podemos,"dunha forza que pode colocarse como a segunda do país sen dicir unha soa palabra sobre Galiza". Van vostedes cubrir esa carencia?  

Desde o principio deste proceso, e xa no documento organizativo e político, plantexamos cuestións a debate sobre Galiza. Nós queremos facer un debate aberto coa sociedade, para ter claro cales son as necesidades e demandas do país. Temos moi claro que as cousas para aquí témolas que facer desde aquí. Hai problemas específicos galegos e temos que ser nós quen teñan que solucionalos. Ao longo deste proceso o que fixemos foi constituír Podemos como un partido galego.

Para os comicios galegos, porén, xa se anunciou que Podemos concorrerá coa súa propia marca. Valorades acordos ou ir con outras forzas como AGE?

É moi cedo para falar desas cousas, non estamos centrados nese debate. De aquí a alá poden pasar moitas cousas e hai que ver como van ser as dinámicas que se dean, as necesidades e comportamentos do propio pobo galego...

Nestes meses puidemos ver círculos de Podemos en Galiza refractarios na cuestión sobre 'lo del gallego' e mesmo empregando topónimos deturpados'...

Témolo claro, os topónimos son en galego. A xente que fale naquela lingua na que se sinta máis cómoda, mais a que hai que promocionar e defender é a propia, o galego. Debemos volver ao consenso sobre o galego, un consenso que se cargou o Partido Popular cunha política lingüística que non é de recibo.

A entrevista completa con Breogán Riobóo pódela atopar no Sermos Galiza nº134, disponíbel na nosa loxa