Acusan o Goberno central de ocultar información sobre a operación Zeta

Pachi Lucas, á dereita.

Os socialistas afirman que a Comisión Europea non recibiu resposta sobre a súa petición de información sobre os destinos dos fondos que puideron formar parte da presunta fraude que atinxe á contorna de Feijóo.

O eurodeputado do PSOE José Blanco acusou o Goberno central de "reter información" e non enviar á Comisión Europea os datos sobre a investigación da posíbel fraude dos cursos de formación en Galiza, a coñecida como Operación Zeta, que afecta á contorna persoal do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa que un dos seus amigos máis íntimos -Pachi Lucas- sería o “conseguidor” da trama. 
.
Nun comunicado, o dirixente socialista explicou que a propia Comisión Europea lle confirmou, en resposta a unha pregunta parlamentaria, que "está ao corrente" da investigación pero que "non recibiu ningunha resposta oficial das autoridades correspondentes sobre este asunto malia tela solicitado".

En concreto, José Blanco recordou que se dirixiu hai unhas semanas ao organismo europeo para interesarse sobre o grao de coñecemento que tiña sobre dos feitos estudados pola Xustiza e sobre se mantivera contacto coas autoridades galegas ou españolas en relación aos mesmos. Na súa resposta, a Comisión "pediu ás autoridades nacionais que xestionan o Fondo Social Europeo (FSE) que comprobasen se os proxectos que implicaban unha presunta fraude foron co-financiados por este fondo e, no seu caso, que tomasen as correspondentes medidas correctivas e preventivas", pero desde Madrid semella que intentan ocultar a polémica cuestión, segundo denuncia o PSOE.