Acusan a Louzán de usar o cargo para facer campaña á Federación de fútbol

Louzán, presidente Deputación Pontevedra

O PSOE acusa o titular da Deputación de Pontevedra de convocar encontros con persoas relacionadas co fútbol galego “utilizando o seu cargo institucional” para intentar gañar a presidencia da Federación Galega, á que se presenta.

 

O PSdeG acusou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, de usar o seu cargo para facer campaña para presidir a Federación Galega de Fútbol, a cuxas eleccións se presenta e nas que terá como principal rival a un socialista, o alcalde de Cerceda García Liñares.

Segundo a portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Carmen Acuña, que rexistrou varias iniciativas parlamentarias nese sentido, Louzán utiliza de forma “espuria” o seu cargo institucional para “facer campaña electoral con toda naturalidade, total impunidade e ilimitado descaro”.

Segundo explica o PSdeG, a Federación Galega de Fútbol reúne a máis de 60.000 persoas con licenza federativa e iniciou un proceso de renovación da súa dirección na que votarán un total de 150 asembleístas –en representación de clubs, técnicos, árbitros e xogadores–, quen “están a ser sucesivamente convocados a encontros co presidente da Deputación provincial, co importante matiz de que os convoca como presidente da entidade provincial”.