Eleccións Europeas 9-X

Adrián Vázquez erixe o PP como o partido das "solucións" e pide "encher as urnas de votos azuis"

O candidato do PP ás europeas Adrián Vázquez (no centro), esta terza feira, na Coruña. [Foto: Nós Diario)
O candidato do PP arremete contra a xestión dos socialistas e do BNG no Parlamento europeo e, en particular, contra a candidata socialista Teresa Ribera e a nacionalista Ana Miranda.

O candidato popular ás eleccións europeas Adrián Vázquez —que foi eurodeputado por Ciudadanos nesta última lexislatura— pediu esta terza feira "encher as urnas de votos azuis" o próximo 9 de xuño para "atopar solucións para todos os españois". Nun percorrido por barrios da Coruña, e en declaracións aos perioditas, arremeteu contra a xestión dos socialistas e do BNG no Parlamento europeo e, en particular, contra a candidata socialista Teresa Ribera e a nacionalista Ana Miranda.

"Máis que ministra de Transición Ecolóxica é a ministra da intransixencia ecolóxica, e mandala a defender o rural galego é como pór o lobo a coidar das ovellas", sentenciou Vázquez, referíndose a Ribera. "Por iso necesitamos o 9 de xuño saír e votar o PP, encher as urnas de votos azuis para mandar unha clarísima mensaxe de que nos importa Galiza, os galegos e as galegas", apuntou, apelando á mobilización.

"Tamén é unha oportunidade para mandar unha mensaxe ao señor Sánchez", engadiu, asegurando que o presidente español está "máis preocupado" por Palestina e Arxentina que "do que pasa en España". "Sobre todo en crear conflitos diplomáticos con países irmáns", aseverou, para insistir, por outra parte, en que "o PP o que quere é ir a Europa e atopar solucións para todos os españois".