AGE organiza un foro para analizar a rota cara á quebra democrática

Representantes das CUP, EH-Bildu, Izquierda Unida e Procés Constituent toman parte no debate que vai decorrer esta quinta feira ás 17:00 na Facultade de Filosofía de Compostela.

Alternativa galega de Esquerdas (AGE) organiza un foro de debate que vai decorrer na tarde desta quinta feira (17:00) na Facultade de Filosofía de Compostela (Praza de Mazarelos) baixo a laxenda ‘Pola quebra democrática e o dereito a decidir’. Na cita participarán representantes de movementos da esquerda ruturista de diferentes nacións do Estado.

Así, intervirán por Galiza, Xosé Manuel Beiras, portavoz Nacional de Anova e portavoz de AGE no Parlamento de Galicia; polos Països Catalans, Eudald Calvo (CUP), concelleiro de Arxentona e conselleiro comarcal do Maresme e mais Gerardo Pisarello (Procés Constituent. Guanyem), profesor de Dereito constitucional da Universitat de Barcelona; por Euskal Herria, Ander Rodríguez (Alternatiba/EH-Bildu), deputado foral de Política Social de Gipuzkoa; e polo Estado español Alberto Garzón (IU), deputado no Congreso en Madrid.