Agudízase a crise de Podemos Galiza ao cesar a secretaria xeral tres membros da dirección

Carmen Santos atende a imprensa

A competencia para cesar membros da dirección inaugurouna no seu día Pablo Iglesias cando destituíu o errejonista Sergio Pascual como secretario de Organización.

Carmen Santos ficou a pasada quinta feira en minoría na dirección nacional (consello autonómico na terminoloxía podemita) da organización galega, mais aínda mantén intactas as súas competencias. Nun aceno político obviamente dirixido a demostrar que continúa na ponte de mando, a secretaria xeral acaba de cesar tres membros da dirección aos que previamente integrara na sua equipa, embora teren sido eleitos na lista oficialista que encabezaba a deputada no Congreso Ángeles Rodríguez.

As persoas cesadas son Nicolás Legido, Luca Chao e José Manuel Pérez.

En declaracións recollidas por Europa Press, Santos atribúe as destitucións á “perda de confianza” neses dirixentes “para traballar con carácter executivo no proxecto”.

Os fieis a Gómez Reino controlan agora a dirección de Podemos Galiza, mais Carmen Santos mantén intactas as súas competencias

Alén do mais, a secretaria xeral refrenda a súa intención de continuar coa liña de Podemos Galiza “votada polos inscritos o pasado mes de abril e garantir así o correcto desenvolvimento do programa político”.

Santos ten un problema: a execución desa liña política foi contradita pola resolución aprobada -con ela ausente- polo consello autonómico de Podemos, controlado agora polos fieies a Gómez Reino, considerado dentro da organización como o dirixente máis próximo a Pablo Iglesias.

A secretaria xeral defende que a organización debata primeiro a fórmula de concorrencia ás galegas -se en solitario ou en coligazón dentro das mareas- e logo elixa a candidatura en primarias abertas. Os críticos, agora maioritarios, dan por sentada a integración con EU, Anova e as plataformas municipalistas e advogan por que o candidato non sexa o produto dunha competencia entre diversos candidatos, senón do consenso.

Non parece probábel que este movimento de Santos non sexa respondido nos próximos días polo sector de Gómez Reino. A sombra de Breogán Riobóo -secretario xeral que ficou sen dirección ao perder esta o quórum preciso para se reunir por sucesivas demisións combinadas- paira en todo momento sobre a secretaria xeral podemita, á quen os seus críticos, como xa informou Sermos Galiza, ven excesivamente próxima a Beiras.