O alcalde de Monforte amósase a favor de pactos con formacións non nacionalistas

Severino Rodríguez (BNG) cre que a forza política á que pertence “debe explorar todos os camiños” e participar de “candidaturas abertas”.

O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez (BNG), insistiu na necesidade de artellar candidaturas abertas nas municipais do próximo ano sen ser "excluínte", así como defendeu "explorar todos os camiños", tamén con outras forzas políticas que non están radicadas únicamente en Galiza (como Esquerda Unida ou Podemos).

Nunha entrevista na Radio Galega, o rexedor nacionalista, que forma parte d@s asinantes do manifesto 'Somos Maioría', remarcou que o relevante é "axudar a consolidar ideas e prácticas" e dixo que "o único que lle ten que importar a unha formación é solucionar os problemas da xente". 
Para Severino Rodríguez, "non existe ningunha contradición" nesas posíbeis unións, pero recorda que esta discusión aínda non se deu no seo do BNG. Cando chegue ese momento, "cada un poñerá de manifesto" o seu punto de vista e debaterase de forma democrática".

Rodríguez dixo non ter meditado cal sería a súa posición en caso de que a postura xeral no Bloque fose distinta á súa.