Os alcaldes da Coruña, Ferrol e Compostela chaman a asumir a folla de rota das Mareas en Común

Comparecencia dos alcaldes das Mareas [Imaxe NósTV]

Nunha comparecencia pública defenderon iniciar o proceso de escolla da candidatura e do programa para os comicios de outubro este mes en xullo.

Martiño Noriega (Compostela Aberta), Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) e Jorge Suárez (Ferrol en Común) compareceron publicamente esta terza feira (5 de xullo) no Ateneo Ferrolán para dar leitura a un documento conxunto no que analizan a situación actual e urxen o inicio do proceso de escolla da candidatura e do programa electoral de En Marea de cara aos comicios deste outono ao Parlamento de Galiza. 

Os alcaldes apostan na creación dun órgao político de En Marea que substitúa a actual mesa de coordenación e insta as persoas eleitas o 26X a se centrar no traballo institucional

Após a queda de apoios obtida nas eleccións do 26 de xaneiro aseguran que se puxeron "de manifesto as limitacións" da coligazón electoral na que concorrían, En Marea, polo que instan a abrir e democratizar a formación "substituíndo a actual mesa de coordenación" por un "instrumento" que inclúa "todas as mareas municipalistas, candidaturas de unidade popular e actores políticos e sociais" que, din, "actualmente non están a participar na toma de decisións" mais "séntense representados e interpelados polo noso espazo político". 

Así mesmo, instan as persoas eleitas por En Marea (5 congresistas e unha senadora) a "centrarse no seu labor institucional nas Cortes" e de cara aos comicios do vindeiro mes de outubro iniciar un proceso de debate que culmine coa elección da candidatura e configuración do programa político este mes de xullo. 

Mareas en Común como base

Como documento base para o debate, apuntan, chaman a "aproveitar [...] o traballo feito durante estes últimos meses por ducias de Mareas arredor do proceso Mareas en Común" quer a respeito da metodoloxía --proceso de toma de decisións-- quer o código ético, arquitectura institucional e organización interna. Nese senso, desde Mareas en Común apostan nun proceso de primarias, como recollen os documentos aprobados nos grupos de traballo e que están pendurados na súa páxina web. 

O encontro, aínda sen data nen lugar, visa consensuar "un calendario" e urxirá Podemos a adoptar unha decisión con celeridade pois esta formación asegurou, através da súa secretaria xeral, que desenvolverá unha consulta interna a respeito das eleccións ao Parlamento e tamén de escolla das persoas que pola súa banda farán parte da candidatura. Un proceso tamén pendente de calendarizar. Entretanto, o tempo corre.