A alcaldesa de Cambre perde a cuestión de confianza presentada tras non obter apoio para os orzamentos

A alcaldesa de Cambre, María Pan, xunto a edís do seu partido. (Foto: Europa Press)
PP, PSOE e BNG votaron en contra dunha moción que si apoiaron Unión por Cambre —o partido gobernante—, Alternativa dos Veciños e a edil non adscrita.

A alcaldesa de Cambre (comarca da Coruña), María Pan, perdeu esta quinta feira a cuestión de confianza, vinculada aos orzamentos para este ano, á que se someteu ao non contar con anterioridade cos apoios necesarios para sacar adiante estas contas.

A rexedora obtivo unicamente os votos favorábeis do seu propio grupo, Unión por Cambre, con sete edís; os dous de Alternativa dos Veciños e mais o da concelleira non adscrita, dez en total fronte aos once votos en contra, de PSOE —catro—, PP —ídem— e BNG —tres—. Desde os grupos da oposición atribuíuse o voto en contra á "falta de diálogo" para o deseño dos orzamentos por parte dun Goberno en minoría, algo que a alcaldesa negou.

"Se hoxe non sae a cuestión de confianza e logo non hai moción de censura pérdense 30 días", dixo, sobre unhas contas das que incidiu na necesidade da súa aprobación para pagar "servizos esenciais" ante os pagamentos pendentes no consistorio.

Pan, que asumiu o cargo tras a dimisión do anterior alcalde, Óscar García Patiñoprecisamente polo bloqueo no pagamento de facturas pendentes—, reiterou que a súa decisión de someterse a unha cuestión de confianza obedeceu, entre outras cuestións, á necesidade de implantar unhas contas cun "criterio de anualidade" e o pago de servizos.

"Hai que devolver a Cambre a senda da normalidade", insistiu, nunha sesión con reproches dos grupos de PP, PSOE e BNG por "falta de diálogo" aos que a alcaldesa respondeu alegando que si se incluíron varias das propostas por figuraren nos orzamentos que defendeu o Goberno local, e avanzou a súa intención de negociar en agosto coa oposición os do ano 2025.

"Non hai unha intención real de sentar a dialogar", sostivo a edil do PP Diana Piñeiro. "É imprescindíbel a colaboración", argumentou o concelleiro socialista Diego Alcantarilla, que denunciou "decisións impostas" por parte do Goberno local. "Non houbo unha reunión para negociar", apostilou Daniel Carballada, do BNG, quen non se mostrou partidario dunha moción de censura.

Fronte a estas manifestacións, desde Alternativa dos Veciños defendeuse que está a haber cambios e pediuse diálogo "a todas as partes" para resolver o bloqueo que padece o Concello.