Ana Miranda critica o "feminismo cosmético" e esixe "unha igualdade real para as mulleres"

Miranda, no acto feminista do BNG.

A candidata do BNG para as eleccións europeas denunciou o retroceso nos dereitos das mulleres nun acto feminista celebrado na Coruña no que tamén denunciou a "doutrina machista" da Igrexa Católica e a violencia de xénero.

A candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, participou no insituto Rafael Dieste da Coruña nun acto "teatral e de participación" co que denunciou a situación de "retroceso" nos dereitos das mulleres e demandou a Europa que formule unha lexislación común que garanta a igualdade real nun momento no que "no que repunta a violencia machista e se volve lexislar contra conquistas que se daban por gañadas tras anos de loita". No acto tamén participaron outras mulleres da lista do Bloque ás europeas, como a actriz Isabel Risco ou a activista feminista Vitoria Louro.

A candidata do BNG destacou que a loita feminista "é máis necesaria que nunca para loitar contra a invisibilidade das mulleres" e demandou unha "lei común de mínimos" nos 28 estados da Unión Europea que "impida retrocesos como o que supón a contra-reforma de Gallardón". Ana Miranda tamén sinalou que o BNG "non se limita a ese feminismo progre, cosmético, que atende a enquisas electorais e estratexias dos grandes partidos do sistema, e que só reacciona con declaracións rituais ante as agresións máis bárbaras e retrógradas que debemos afrontar, como a violencia machista ou o dereito ao aborto".

A candidata nacionalista tamén denunciou outras consecuencia do machismo, como "a desigualdade salarial, o sexismo social, a incidencia da crise económica nas mulleres ou o papel da Igrexa Católica e a súa doutrina discriminatoria".