Entrevista | 9-X

Ana Miranda (BNG): "O escano do BNG nunca se vai vender; PP e PSOE póñense de acordo e votan contra os intereses galegos"

A eurodeputada e candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda. (Foto: Nós Diario).
Ana Miranda Paz (Cuntis, 1971) aspira a revalidar o seu escano como eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) nas eleccións ao Parlamento Europeo deste domingo 9 de xuño. A nacionalista asegura que na súa maleta, que fai innumerabéls viaxes entre Vigo e Bruxelas, "vai sempre toda Galiza".

Ana Miranda defínese como traballadora incansábel para que a Galiza estea presente “con voz” nas institucións europeas. Repite como candidata do BNG nas eleccións ao Parlamento Europeo. No seguimento informativo da campaña electoral hai un feito que destaca: a mostra de afecto que recibe da xente, tanto en actos electorais como na rúa, de feito, varias persoas achegáronse a ela para darlle azos no transcurso desta entrevista.

—Que se xoga Galiza nas eleccións deste domingo?
Estas eleccións europeas son moi importantes para as galegas e os galegos, porque se decide sobre temas que se tratan en Bruxelas e que afectan as nosas vidas diariamente, como os sectores produtivos, as comunicacións, o medio ambiente, servizos públicos e tamén que Europa queremos. Temos que ter directamente no Parlamento Europeo a voz dos nosos labregos e labregas, das nosas mariscadoras, dos nosos mariñeiros e das nosas redeiras. Nós somos a voz deses colectivos e sectores produtivos nas cuestións que se deciden en Bruxelas.

—Cales son os retos da nova lexislatura na Eurocámara?
A negociación do futuro marco financeiro europeo, vai haber unha negociación da Política Agraria Común (PAC) e da Política Pesqueira Común e hai que estar aí cunha voz galega. É moi importante ter unha voz galega, que fale dos problemas galegos en Europa e que  leve alí as demandas da sociedade galega. Na pasada lexislatura o BNG levou a Bruxelas as voces dos labregos, as mariscadoras, as vítimas do accidente do Alvia en Angrois, colectivos ecoloxistas... Se non hai alí unha voz galega ninguén vai falar con nós, de aí a importancia de que haxa unha voz directa do país e non enviados especiais. Non queremos franquicias, queremos a forza directa alí, e esa forza é o BNG.

‹Fun a voz no Parlamento Europeo que combateu o fascismo›

—Que papel teñen en Bruxelas PP, PSOE e a extrema dereita?
A extrema dereita pacta co PP no Parlamento Europeo, tamén pactan PP e PSOE en Bruxelas. Ante desa ameaza real da negación de dereitos, o escano do BNG é o que representa a voz galega pero tamén esas causas xustas da humanidade que son as que a extrema dereita quere negar. Este é un escano antifascista. Fun a voz no Parlamento Europeo que combateu o fascismo de Herman Tertsch e Jorge Buxadé plantándolles cara. Temos moito avanzado para que veñan agora querer voltar a entrar no Pazo de Meirás.

—Cal é a diferenza entre un escano galego do PP ou do PSOE e un do BNG?
Un escano do PP ou do PSOE galegos ten xefe, ten que pedir instrucións en Madrid, atender as liortas madrileñas. Están máis pendentes dunha pleitesía ao epicentro do Estado que das cuestións galegas. Un escano do BNG é un escano libre, sen intermediarios, que o único xefe que ten é o pobo galego, os temas de aquí, as cousas de comer, de vivir, de traballar. Un escano que coida da terra, que non se vende a ninguén, que non obedece a lobbies nin empresas e multinacionais. Un escano do BNG nunca se vai vender. PP e PSOE se poñen de acordo en moitas cousas, e votan contra os intereses galegos. 

Nesta campaña, os candidatos galegos do PP e do PSOE están ocultos. Só está presente Galiza na UE cando o BNG presenta iniciativas, denuncias como a da ría do Burgo, Angrois, o Corredor Atlántico, a AP-9... Non vexo que eles leven a Bruxelas aos sectores primarios, nós temos levado máis de 5.000 persoas, temos denunciado a instalación da celulosa de Altri na Ulloa, os macroeólicos, a mina de Corcoesto, de San Finx, a de Touro, temos denunciado a falta de saneamento das rías, a situación de colectivos precarizados como o das enfermeiras, a estafa das preferentes (que foi unha batalla que gañamos)... O pobo galego estivo alí por ser o BNG a ponte para que tiveran voz.

—Chegará o galego ás institucións europeas?
Hai unha petición do Estado español de que o galego sexa oficial na UE, xunto co catalán e o euskera. No caso do Consello Europeo ten que ser aprobado por unanimidade, e está pendente. Pero no caso do Parlamento Europeo son regras diferentes. Ten que ser a mesa do Parlamento a que decida.

Tivemos unha reunión os partidos nacionalistas e quedamos en darlle saída nesta lexislatura, pero ao final non foi porque o PP europeo, español e galego oponse a que sexa recoñecido idioma oficial. Nunca vin ningún eurodeputado do PP falando alí en galego portugués, como eu fago, no galego internacional. Cando falo en Bruxelas en galego os deputados de Vox e tamén os do PP incrépanme por usar a lingua galega internacional. Este é o niveliño que teñen alí, atacar unha deputada electa porque fala na súa lingua. 

‹O PP quere que veña a celulosa de Altri á Ulloa, e o PSOE até agora non se define›

—A instalación da celulosa de Altri na Ulloa entrou de cheo na campaña electoral...
O PP quere que veña Altri, o PSOE até agora non se define, pero a empresa di que ten relacións con ambos. É evidente que tanto a nivel de Estado como na Xunta Altri está amparada. É unha empresa contaminante que quere instalarse nun dos lugares da Galiza de maior produtividade agraria e dunha riqueza natural única, pero nós non o imos permitir. O escano do BNG en Europa é o do 'non a Altri'.

Son tan culpábeis uns como outros, porque a estas alturas un partido que queira a terra ten que estar en contra de Altri. Teresa Ribera [cabeza de lista do PSOE] é a que avala macroproxectos eólicos na Galiza e vai ser a que autorice os fondos para Altri, hai que empezar a destapar caretas. 

—O agro e a pesca galega cada vez dependen máis de Bruxelas...
É Bruxelas quen decide en Política Agraria Común e Política Pesqueira Común, deciden sobre os bivalvos, canto e como se pode pescar... Estamos nunha situación de discriminación que vén de moitos anos polo principio de estabilidade relativa. Temos unha falta de recoñecemento, cun comisario que é antipesca, ou a presidenta Von der Leyen, que veu á Galiza a ver eucaliptos e comer tapas no canto de preocuparse polos problemas dos labregos ou das mariscadoras. Se Bruxelas quixera resolver este problema xa estaba resolto, pero non queren e son o mesmo partido que goberna na Galiza. O partido de Rueda e Feixoo é o partido dae Von der Leyen.

—A Xunta e o Estado defenden os intereses galegos en Bruxelas?
Van alí defender outros intereses, como os de Altri ou as multinacionais enerxéticas, pero non falan dos problemas reais que ten a nosa pesca. A Xunta ten en Bruxelas a Fundación Galiza Europa, nunca se reuniron comigo sendo eu deputada titular de Pesca. Non ven que os eurodeputados galegos podemos facer fronte común. O BNG demostrou unha relevancia moi forte no Parlamento Europeo, conseguimos cousas para o país. Ao final eles teñen intereses que son os doutras zonas do Estado. 

Ana Miranda, de perto: non sae da casa sen boli, caderno e mel

1) Último libro que leu?
Estiven lendo Golpes de Luz, de Ledicia Costas, que é de Vigo. É unha novela moi tenra e moi intensa sobre os segredos que marcan a vida de tres xeracións dunha familia da Galiza rural.

2) Un plan de sábado fóra da campaña?
Quedar coas amizades en Vigo, ou ir a Cuntis visitalas. Tamén ir ver a miña filla, que está en Barcelona. Pero agora mesmo o meu plan é descansar un pouco, e iso vai ser o sábado de reflexión.

3) Cal é a súa bebida e comida preferida?
A miña comida preferida é o cocido, tamén me gusta moito o peixe pero en Bruxelas como pouco. A bebida preferida? A auga do país e... a cervexa [ri].

4) Non pode saír da casa sen…
O meu bolso. Vai cargado sempre de cousas en previsión do que poida pasar: un cacao e bote de mel por se doe a gorxa, un lapis negro, pois son algo presumida; boli e caderno sempre porque eu anoto todo.