Ana Pontón defende o BNG como "chave" para a derrota do Partido Popular

Ana Pontón [Imaxe de arquivo / SG]

Nunha visita a Fisterra a candidata nacionalista defendeu un plan de desenvolvemento económico para a Costa da Morte.

Ana Pontón, a candidata do BNG á presidencia da Xunta nas eleccións de setembro, asegurou durante a súa visita a Fisterra que os resultados da enquisa publicada este domingo por Sondaxe para La Voz de Galicia evidencian unha "posíbel perda" da maioría absoluta para Partido Popular. 

Neste senso, tamén considerou que o inquérito reflicte o "espazo consolidado" que representa o BNG como "forza netamente nacionalista" polo que coidou importante que a organización frontista obteña "un grande resultado" nos comicios para "garantir un cambio real" no goberno da Xunta. Iso será, subliñou, "chave" para a "derrota do Partido Popular". 

A nacionalista, que está a manter encontros con distintos sectores produtivos ao longo de todo o país nas últimas semanas, defendeu tamén o desenvolvemento dun plan económico para a Costa da Morte que permita despregar as posibilidades desta comarca.