Ana Pontón e Olalla Rodil, portavoz e viceportavoz do grupo parlamentar do BNG

De esquerda a direita, Montse Prado, Ana Pontón e Olalla Rodil.

Repartición de tarefas e responsabilidades no grupo parlamentar do BNG, formación que experimentou unha considerábel renovación dos seus efectivos na Cámara: 4 dos seus 6 parlamentares estréanse no Pazo do Hórreo.

O grupo parlamentar do BNG realizou esta segunda feira unha reunión para formalizar a repartición de tarefas e responsabilidades. Ao seu termo compareceu perante os meios Ana Pontón para dar conta dos acordos: ela propia será portavoz do grupo, en tanto que a viceportavocía recae en Olalla Rodil. Montse Prado -con Pontón a única supervivente da lexislatura anterior- será viceportavoz segunda do grupo parlamentar con máis presenza proporcional de mulleres da historia da Cámara.

Alén das portavocías, a distribución de responsabilidades por áreas temáticas fica así: Ana Pontón: economía, igualdade, dereitos democráticos e autogoberno; Olalla Rodil, ensino, cultura, lingua e control da CRTVG; Montse Prado, sanidade, servizos sociais e pesca; Xosé Luís Rivas, Mini, meio rural; Noa Presas, Industria e Enerxía; e Luís Bará, Territorio, Meio Ambiente e Institucional.

Nas súas declaracións á imprensa, Pontón enfatizou que a función do grupo parlamentar nacionalista será a de “ser catalizadores das preocupacións da sociedade e sobre todo das propostas para mellorar a situación económica, a situación dos servizos públicos” que cualificou de “emerxencia nacional”.

A respeito do relacionamento do Bloque co resto de grupos parlamentares da oposición, esclareceu: “As coincidencias que se podan dar no Parlamento teñen que vir porque haxa posibilidades de sacar adiante cuestións específicas que beneficien o país, desde o diálogo, como é lóxico, escoitándonos, pero tamén sabendo que somos proxectos políticos diferentes. En todo caso, na defensa dos intereses da Galiza, o BNG sempre vai ter a man tendida”.