Xa antes da sentenza da Gürtel existían motivos máis que de abondo para promover unha moción de censura no Estado, avaliou Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, para quen esta iniciativa será positiva se abre un proceso de "rexeneración" e non se fica simplesmente nun "quítate ti que me poño eu".
A dirixente nacionalista puxo en destaque que a Gürtel "nace no noso país", da man de Pablo Crespo, ex secretario de Organización do PPdeG, condenado pola Audiencia Nacional a 37 anos de prisión. Lembrou Pontón que Feixóo mantivo durante dous anos Crespo como representante da Xunta no consello de administración de Portos de Galiza, un feito que o titular da Xunta nunca explicou convincentemente, subliñou. As ramificacións galegas da Gürtel son tan evidentes que o xefe do goberno galego debería comparecer inmediamente no Parlamento galego para dar conta delas. "O PP gañou eleccións na Galiza dopado con diñeiro negro", enfatizou a líder do BNG.
"O PP galego foi o que inventou a trama Gürtel", recapitulou Pontón quen a seguir tildou Feixóo de "testaferro de Raxoi e da corrupción" do partido conservador.
Salustiano Mato
Noutro bloco da entrevista, focalizado nas eleccións municipais de 2019, a portavoz nacional do BNG foi interpelada directamente sobre a hipótese de Salustiano Mato -reitor de Vigo en funcións e ex director xeral de I+D+I durante o bipartito- ser o candidato da organización frontista en Vigo. "Ten unha traxectoria moi recoñecida, ten capacidade para liderar, xestiona ben e está moi comprometido con Galiza", respondeu. E a seguir esclareceu: "Mais eu non decido quen é o candidato, é a militancia quen o decide. E o positivo é que temos moitas propostas sobre a mesa".
Greve xeral do 19X
A líder do BNG respaldou a convocatoria da greve formulada pola CIG para o 19 de xuño e cualificouna de "moción de censura nas rúas contra Mariano Rajoy" e de "instrumento necesario para dicermos que estamos fartas da corrupción, da discriminación das mulleres, da emigración da mocidade...".
Ao seu xuízo, a iniciativa da central nacionalista é "moi valente".