CHAMA A RECONDUCIR A SITUACIóN

Anova admite que En Marea está a actuar “sen autonomía e voz propia”

A formación pide aos seus socios, Podemos e IU, nun documento ao que tivo acceso Europa Press, que se reconduza a situación. “Pon en perigo o proceso para as galegas”, chega a afirmar.

En Marea actúa “sen autonomía” nin “voz propia”, sen “capacidade de iniciativa política” e, ademais, en Galiza hai a percepción de que “non está a cumprir co prometido”. Son algunhas das afirmacións e reflexións que figuran no documento que Anova trasladou aos seus socios, Podemos e IU, e ao que tivo acceso Europa Press. Un escrito que se puxo en coñecemento da Mesa de coordenación de En Marea – que tivo xuntanza a finais da pasada semana- para queixarse de que os acordos non se estaban a cumprir, polo que se facía necesario “reconducir” a situación, para que haxa “unha acción política propia de En Marea nas negociacións” para unha alternativa de goberno.

A formación que lidera Xosé Manuel Beiras sitúa o comezo dos incumprimentos na “negativa” da Mesa do Congreso a que En Marea tivese grupo propio. Así, mentres Compromís optaba por ir ao Grupo mixto, a coligazón de Podemos, EU e Anova optaba por se integrar no 'grupo confederal' de Podemos. “Comezaron a se dar unha serie de dinámicas que puxeron en cuestión a independencia de En Marea”, indícase no documento, lamentando que iso ficase evidenciado nas negociacións para conformar un goberno alternativo. “Perde toda capacidade de iniciativa política e dilúese como un anexo sen autonomía nin voz propia, sen ser quen de, ao menos, tecer un relato sobre a súa posición”. Anova lembra dúas cuestións do acordo político suscrito no seu momento cos seus socios: Construír “un suxeito político galego a consolidar” e “personalidade política diferenciada no Congreso”.

“En perigo”

Anova recoñece que en Galiza existe a percepción que nas negociacións para formar goberno “En Marea non está a cumprir co prometido”. Un tema que se puxo riba da mesa na xuntanza da Mesa de Coordinación de En Marea habendo, segundo EP, posicións diferentes. “Isto pon en perigo a continuidade do proceso cara as eleccións galegas, onde hai, por primeira vez en moito tempo, a posibilidade de contar cun grupo alternativo ao PP liderado por unha forza da esquerda rupturista e con proxecto propio para Galiza”, afirma Anova.

Anova recoñece que en Galiza existe a percepción que nas negociacións para formar goberno “En Marea non está a cumprir co prometido”

 

Cómpre lembrar que Beiras denunciou “falta de axilidade” na comunicación entre En Marea e Podemos, atribuíndo a iso que as condicións da coligazón europea non aparecesen na proposta de goberno que o partido de Pablo Iglesias remitiu ao PSOE.. Alexandra Fernández asegurou días despois que En Marea abrirá as súas negociacións co PSOE co seu propio documento propio. Mais desde Esquerda Unida xa se sinalou que esa cuestión “non foi acordada”, polo que se queixaron do posicionamento de Fernández. Segundo recolle EP, IU discrepa con esa visión de “bilateralidade” e de que En Marea trate directamente co PSOE. 

As declaracións de Beiras foron contestadas polo senador García Buitrón, presidente da comisión xestora de Podemos Galiza. O dirixente do partido moderado non ve a descoordenación entre En Marea e a formación de Pablo Iglesias por ningures, resta importancia a non presenza de Galiza no documento de negociación co PSOE (tampouco hai alusións directas a Castela León ou Estremadura, afirmou) e chega a revelar que Yolanda Díaz é coautora do texto.