Non ve a nova dirección como suficientemente plural

Anova censura que se modificase o documento das primarias na elección de Villares como portavoz

Antón Sánchez, durante a recente asemblea nacional de Anova

A dirección de En Marea tal e como ficou constituída este domingo "non reflicte suficientemente a pluralidade do espazo", afirma a comisión permanente de Anova nunha carta á súa militancia.

Anova como partido non avala a alianza entre os villaristas e as candidaturas Somos Quen e Queremos Participar en virtude da cal o ex xuíz se alzou coa portavocía nacional da confluencia contra o votado polas bases nas primarias de xaneiro [nelas aprobouse un documento que tornaba Villares inelexíbel para o cargo].

Non foi doado para o partido agora dirixido por Antón Sánchez pór esta posición por escrito, pois a censura implica un reproche implícito ao seu líder histórico Xosé Manuel Beiras, o principal valedor de Luís Villares.

Ninguén na confluencia dubida que sen o apoio de Beiras Villares non tería tido a menor opción de ser nomeado voceiro orgánico da confluencia.

A censura implica un reproche implícito ao seu líder histórico Xosé Manuel Beiras, o principal valedor de Luís Villares

Coa carta á militancia, Anova quer esclarecer a súa posición tendo en conta que destacados militantes seus -a comezar por Davide Rodríguez, o parlamentar que dirixe Somos Quen- voaron neste proceso por libre e defenderon posicións antitéticas ás estabelecidas pola dirección do partido.

Na misiva, Anova afirma que a composición da Coordenadora (a Executiva) da confluencia "non reflicte suficientemente a pluralidade do espazo e modificáronse aspectos do documento político da candidatura e dos textos saídos da asemblea de Vigo do 30 de xullo [a constituínte de En Marea]". O que estaría en xogo, afirma o partido liderado por Antón Sánchez, é o propio "modelo de organización que será En Marea".

Reférese Anova a que o documento político votado nas primarias tornaba incompatíbel Villares para exercer a función de portavoz nacional ao ser voceiro no Pazo do Hórreo (tamén era inelexíbel pola mesma razón Antón Gómez-Reino, voz da confluencia no Congreso).

A posición orgánica de Anova deixa nunha delicada situación a nova dirección encabezada por Luís Villares. A cuestión de fondo é determinar quen a apoia realmente, alén dos 18 votos que obtivo no Consello das Mareas. Hai que ter en conta que a candidatura Máis Alá que se apresentou ás primarias de xaneiro e que obtivo o 58 por cento dos apoios está neste momento virtualmente rota, con Anova, Esquerda Unida, Podemos e Marea Atlántica a censurar a solución de compromiso alcanzada polo ex xuíz con Somos Quen e Queremos Participar. 

A candidatura Máis Alá que se apresentou ás primarias de xaneiro e que obtivo o 58 por cento dos apoios está neste momento virtualmente rota

En realidade, o principal apoio de Villares en todo o proceso foi Beiras, cuxo evidente capital político aínda dá suficientes réditos como para desequilibrar balanzas no seo da confluencia. É o beirismo o que acabou por se impor no Consello das Mareas, como unha corrente transversal que dá cohesión aos distintos componentes da nova maioría na sala de máquinas da confluencia, pois aglutina desde a contorna de Villares até o grupo de Davide Rodríguez pasando por Mario López Rico, veterano estratega de Cerna e, durante longos anos da súa vida, fiel escudeiro do político de Brión. A incógnita está en saber se esta alianza acaba por ser recoñecida como lexítima polos actores -Anova, Podemos, Esquerda Unida, Marea Atlántica- que non se senten recoñecidos nesta nova dirección.