Anova destaca a “centralidade” da figura de Beiras “alén do cargo” que ocupe

Martiño Noriega afirma que o presidente de Anova está implicado “na trincheira do presente”. Beiras anunciou a súa intención de non se presentar nas vindeiras autonómicas.

 

Xosé Manuel Beiras seguirá a ser unha “referencia” independentemente do cargo institucional ou partidario que ocupe. Así o manifestou Martiño Noriega horas despois de que Beiras anunciase nunha entrevista en Eldiario.es que non pensaba volver presentarse ás eleccións autonómicas. Para Martiño, porén, dous anos son moitos en político e o importante é “a trincheira do presente”, onde Xosé Manuel Beiras está implicado e traballando, engadiu.

Para Anova, a figura de Beiras ten “unha centralidade absoluta” que vai “alén dos seus cargos”. Por iso a súa importancia non minguará polo feito de concorrer ou non como candidato a unha cita coas urnas.

Cidadanismo

Martiño Noriega realizou estas declaracións durante a presentación da Conferencia Política Municipal que Anova vai realizar esta fin de semana en Teo. Unha cita na que a formación debaterá e analizará sobre as diferentes cuestións relativas á cita coas urnas que haberá en seis meses.

Anova reiterou a súa aposta por sumar e participar no seo das candidaturas e plataformas cidadás nos concellos nos que estas concorran ás municipais. Naqueles onde non existan estas, Anova avoga traballará pola creación de frontes amplas.

Noriega considera que o ‘espazo de ruptura’ nas cidades galegas vai ter representación nos Concellos e que mesmo van ser decisivos.