48 horas para decidir sobre a fronte ampla

A piques de rematar o tempo, Esquerda Unida e Anova encamíñanse cara a unha coalición técnica. Pola súa banda CxG mantén todas as posibilidades abertas á espera do que acorden as súas agrupacións comarcais.

Após unha reunión que se prolongou durante máis de catro horas, o consello político de Esquerda Unida decidiu que a organización política faga parte da fronte de esquerdas proposta polo líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras. Entre as 40 persoas que participaron, houbo só un voto en contra e unha abstención. Con todo, tamén saiu adiante a proposta de someter a posíbel alianza a referendo das bases, nunha votación que se realizará esta sexta feira, o mesmo día en que remata a conta atrás para a conformación de coalicións electorais.

A condición aparece contemplada nos estatutos do partido, polo que o acordo EU-Anova será, polo momento, unha coalición técnica que racharía se as bases así o decidisen. "Respectamos a decisión de EU, ao igual que tamén nós sometemos o acordo a referendo nas asembleas territoriais", sinalou Martiño Noriega, membro da coordinadora nacional de Anova, quen explicou que para esta sexta estará preparado xa "un corpo programático de mínimos", xustamente o documento que votará a militancia da formación que lidera Yolanda Díaz.

Ao redor do alcance do acordo, Díaz manifestou que o que pretenden é un pacto duradeiro, máis aló dunha simple alianza electoralista. Neste sentido, Noriega repetiu a idea xa lanzada por Beiras respecto da "gravidade" do momento político en que Galiza se atopa e da necesidade de artellaren "un pacto amplo", mais "mantendo a soberanía de cada organización". 

"A vocación do acordo non é vivirmos na mesma casa, senón camiñarmos xuntos", atalla Noriega, quen aproveita para lembrar que "nós non excluímos ningunha organización, son elas as que queren quedar fóra". Para alén de EU, Beiras abriu o abano "á esquerda real", incluíndo o BNG e Compromiso por Galicia. Ambas as organizacións rexeitaron facer parte da coalición electoral, aínda que  CxG "avanzou desde unha postura de veto a unha alianza con EU" e abriu a man, informando nun breve comunicado de prensa que esta terza celebraron tamén o seu consello político, e entre a cuarta e a quinta someterán "varias propostas" a xuízo das agrupacións comarcais. 

Pola súa banda César Santiso, responsábel de comunicación de EU aseverou que a decisión adoptada no consello político extraordinario desenvolvido a pasada terza procura "seguir traballando nun acordo programático de esquerda anticapitalista mais no cal se manteña a identidade de Esquerda Unida". Santiso, asegurou que o obxectivo é conformar "nomeadamente con Anova, unha coalición electoral técnica", isto é, gañar tempo administrativo de acordo co calendario electoral, a través da presentación dun programa de mínimos que permita rexistrar unha candidatura definitiva o día 17 de setembro. Segundo afirmou o seu responsábel de comunicación, EU convocou un referendo entre a súa militancia para o vindeiro día 13 en que "as bases deberán ratificar os acordos adoptados polas comisión nacionais", que arestora traballan con respresentantes de Anova nese acordo de mínimos que presentarán, previsibelmente, esta sexta. Asemade, a coalición técnica, asegura Santiso, "permitirá que outras forzas que tamén amosaron a súa vontade de confluír, poidan facelo" como Equo ou o Partido Humanista. 

Doutra banda, Paulo Carlos López, responsábel de comunicación de CompromisoxGalicia, non quixo desvelar as propostas que o consello político achegará ás agrupacións comarcais da organización. López asegurou que o seu obxectivo era "escoitar o sentir da militancia" e que "todas as posibilidades seguen abertas".