DPG2017

Antón Sánchez: "Queremos dotarmos de todo o poder para autogobernarnos"

Antón Sánchez

O Parque das Galeras compostelá acolleu o acto político de Anova Irmandade Nacionalista. O seu portavoz nacional, Antón Sánchez, tivo palabras para a delicada situación interna que atravesa En Marea: "Os nosos compañeiros e compañeiras son todos os q participan nas mareas. Non miramos o carnet. Levámolo demostrando anos"

República e Ruptura era o lema co que Anova convocaba a súa xente a un acto político no Parque de As Galeras e o discurso do seu líder, Antón Sánchez, acompañou as pegadas desas dúas palabras. Rupturismo: "Nós non nacemos para ser un fin en sí mesmo e limitarnos ao xogo do circo electoral: nacemos para mudar todo isto!". República: "Nacimos para rachar co Réxime do 78, pola ruptura, a Unidade Popular e a República".

 

Sánchez, situado como a maoría da súa organización no sector crítico a Luís Villares, proclamou que Anova quería abrir "hoxe" un "novo ciclo de rebeldía". "Para cambialo todo sen que nada cambie xa están os partidos do réxime. Nos queremos rebeldía e non rexeneración. República!", arengou.

 

Negou o líder de Anova no seu discurso a retórica oficial de que a crise xa estaría superada. "Non, non todo volveu á normalidade. Neste país segue habendo 6 desafiuzamentos diarios", dixo, ao tempo que se conxurou a si propio e ao conxunto da súa organización para, no próximo proceso eleitoral (municipais 2019, facer retroceder as forzas que sustentan o statu quo: "Temos por diante dous anos para quitarlles o negocio é facer tambalear á oligarquía".