Anxo Quintana: “Os nosos problemas non se resolven con franquicias alleas”

Anxo Quintana

O ex-voceiro do BNG insiste na necesidade dunha mirada política propia e aposta por unha representación forte en Madrid que sitúe a Galiza dentro do debate sobre a capacidade de decisión.

Anxo Quintana, ex-voceiro nacional do BNG, concedeu unha entrevista ao diario El País na que volveu defender a necesidade dunha visión política propia para Galiza, que sitúe os problemas específicos do país en chave nacional, sen deixarse levar por dinámicas nacidas en latitudes afastadas. “Hai movementos cidadáns moi interesantes pero os problemas de Galiza non se van resolver poñendo en marcha franquicias de movementos xerados noutras partes”, afirma.

"Se os promotores de Podemos fosen de Coristanco na vez que de Madrid, serían nacionalistas"

“Podemos suscítame simpatía, respecto e incluso adhesión a cousas que propón. Ten moito mérito que con poucos medios conseguiran mover o avespeiro. Pero para Galiza non vale, temos que facelo por nós mesmos, sobre todo porque aquí non é novo. Algúns xa o fixemos hai 25 años. En Allariz participei en 1989 nun movemento asembleario que cedeu o protagonismo á xente. Se os que promoveron Podemos, na vez de ser de Madrid, foran de Coristanco, serían nacionalistas. Nunca Máis tamén foi así”, engadiu o que tamén foi vicepresidente da Xunta.

Así mesmo, Quintana lembrou a importancia dunha representación política específica para Galiza. “Máis que andar buscando as diferenzas entre partidos, movementos e demais é mellor que nos marquemos obxectivos de país. Os problemas en Euskadi e Catalunya van acabar abrindo un debate sobre o modelo territorial que levará á configuración dun Estado asimétrico onde elas terán consideración especial. Galiza está desaparecida, non existe nese debate. Na próxima lexislatura no Congreso ten que haber un grupo parlamentar forte e todo o mundo que estea interesado niso cabe nesta revolta”, dixo.