Apoio unánime do Parlamento a declarar 2016 Ano das Irmandades da Fala
Os grupos apoiaron a proposición non de lei do BNG para instar á Xunta a facer a declaración oficial para divulgar o traballo e a herdanza dese movemento.
O Parlamento galego insta á Xunta a que declare oficialmente 2016 como o Ano das Irmandades de Fala. Así o solicitaba a proposición non de lei presentada polo BNG e que contou co apoio de todos os grupos parlamentares. A deputada nacionalista Ana Pontón congratulouse da unanimidade no hemiciclo e amosou o seu desexo de que a Xunta estableza un programa de actividades para divulgar o coñecemento do “importantísimo labor desta organización” para acadar “unha Galiza máis libre, culta, xusta e comprometida consigo mesma” para o que pediu dotar de fondos necesarios aos organismos responsábeis do programa de divulgación.
A campaña para que 2016 se declare Ano das Irmandades da Fala naceu do comité promotor ‘Ora Galega’, para conmemorar o centenario dunha organización que “supuxo unha nova forma de concibir o país” co “desenvolvemento da consciencia da Galiza, da defensa da súa lingua, cultura e identidade”. Como parte da mesma, hai unha recollida de sinaturas.