Aprobada a proposición do BNG para compensar Cerceda e As Pontes polo fechamento das térmicas

As Pontes (Eume) coa central térmica de fondo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Néstor Rego advertiu que tras o fechamento das centrais as contas municipais víronse afectadas pola caída de ingresos derivada dos impostos IAE e IBI-BICES.

A Comisión de Facenda do Congreso deu luz verde á proposición non de lei do BNG para que o Goberno estatal negocie un 'mecanismo de compensación' pola perda de recadación municipal nos impostos de Actividades Económicas (IAE) e dos Bens Inmóbeis Urbanos de Características Especiais derivada do fechamento das centrais térmicas de Cerceda (comarca de Ordes) e As Pontes (Eume). Ademais, reclámase a convocatoria dos concursos de transición xusta nestas comarcas, cuestión xa reclamada tamén na Comisión de Industria.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, destacou o "retroceso económico" que padecen estes dous concellos debido a un "fechamento anticipado, non planificado e caótico que tivo unha orixe política, deseñada desde o Estado".  E censurou que non se fixese unha transición xusta, "con medidas de apoio ás comarcas afectadas e cunha negociación previa cos concellos".

O portavoz do BNG explicou as "negativas consecuencias económicas, sociais e laborais" derivadas desta decisión, salientando os datos recollidos no estudo Impacto Socioeconómico nas Pontes da Descarbonización Enerxética, elaborado polo Concello e que recolle unha cuantificación das perdas económicas en concepto de eliminación de empregos e unha cuantificación da perda de ingresos municipais polo impacto nos impostos IAE e no IBI-BICES.

Conclúe que se perderon 1.178 postos de traballo de residentes no municipio, e 299 do resto da zona de influencia, desaparecendo un total de 1.477 empregos. Apenas 33% da poboación residente conservaría o seu traballo na localidade, un 34% ficaron sen traballo e outro 33% traballarían fóra da localidade. En termos económicos, indicou Rego, "implicaría a perda de 67 millóns de euros anuais".

Os ingresos municipais víronse afectados pola caída de ingresos dos impostos IAE e o IBI-BICES, uns recursos que son precisos, dixo, "para atender o adecuado mantemento dos servizos públicos dos concellos". Informes técnicos da área económica municipal das Pontes cuantifican en 670.000 euros por ano a diminución en concepto de ingresos polo IAE, e nuns dous millóns anuais a perda de ingresos polo IBI-BICES.

Rego explicou a merma nos ingresos no IBI-BICES pola aplicación dun criterio impositivo regresivo do catastro. O criterio que se está a aplicar nas centrais térmicas, asegurou, "beneficia as empresas propietarias, dado que se elimina a condición de características especiais e se lles aplica a condición de solo urbano na base impoñíbel". Aplícase o 1 de xaneiro do ano seguinte á acta de fechamento da central, "ignorando todo o proceso des desmantelamento das instalacións que oscila entre tres e cinco anos, ao que hai que engadir un ou dous anos máis para a actuación nos solos contaminados".

O parlamentario do BNG finalizou urxindo á necesidade de articular as "oportunas compensacións" para "asegurar a suficiencia financeira ás entidades locais", en liña co acordado entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Goberno español.