Aralar disolverase ao dar por finalizada a súa “andaina política”

A maioría da militancia avala unha decisión que será debatida no congreso do 2 de decembro. A proposta reafirma EH Bildu como o “instrumento” para aglutinar unha esquerda abterzale “ampla e plural”.

A dirección de Aralar proporá á militancia da por finalizado o seu percorrido político ao entender que os obxectivos que se marcaron na súa fundación, en 2002, xa se cumpriron en boa medida. O partido que dirixe Rebeka Ubera e que ten entre algún dos seus principais referentes Patxi Zabaleta e Jon Iñarritu realizará o seu congreso nacional o vindeiro 2 de decembro. Aí debaterase o relatorio político da dirección, na que se pon sobre a mesa a “autodisolución” de Aralar.

 

O documento expón que a formación naceu hai 15 anos coa vocación de que “todas as persoas, todas as ideas e todos os proxectos” tivesen cabida en Euskal Herria. Neste período, afirman, “cumpríronse” varios dos obxectivos marcados: creación dunha esquerda abertzale “civil e ampla” e a fin da “loita armada de ETA”.

 

Así, considera que “é o momento de ceder o relevo a un novo instrumento que sexa efectivo para a revolución social dos tempos novos e para que se consiga levar a efecto o dereito a decidir”. No relatorio cita como ese novo instrumento EH Bildu.

 

No seo de EH Bildu conviven catro organizacións: Sortu, Aralar, Eusko Alkartasuna e Alternatiba, para alén de militantes individuais. Eusko Alkartasuna xa advertiu que non vai seguir os pasos de Aralar.