A aritmética marca a aprobación dos Orzamentos da Coruña

Pleno da Coruña [Imaxe Concello da Coruña]

PP e PSOE introduciron emendas apoiándose mutuamente mentres que a edil do BNG abandonou a sesión por "esperpéntica".

Os números. Eis os protagonistas do debate e votación dos Orzamentos no Concello da Coruña. O reparto de edís e a aritmética marcaron a sesión coa que resultaron aprobadas as contas para 2016. A Marea e o PSOE votaron a favor mentres que o PP se abstivo após teren sido incorporadas emendas co voto conxunto de socialistas e populares.

Pola súa banda, a representante do BNG, Avia Veira, abandonou o salón de plenos, dixo, ao non contar cos "informes preceptivos" a respeito dalgunhas das emendas que se sometían a votación e que foran achegadas unhas horas antes de dar comezo o debate. 

Avia Veira (BNG): "Negámonos a lexitimar co noso voto que se aproben emendas que se contradín"

Veira tildou de "esperpéntico", "irresponsábel e temerario que se debatan, voten e aproben documentos que nin foron avaliados polos servizos e que os propios técnicos municipais non tiveron tempo de informar" polo que, asegurou á súa saída, o grupo municipal do Bloque non participaría da votación. Reclamou a retirada do punto de votación até contar cos informes, unha petición que foi rexeitada polo alcalde quen dixo “Eu son alcalde e creo que esta cidade necesita xa uns orzamentos, por responsabilidade non podemos parar o Pleno, cada un terá responsabilidade sobre o que vote”. 

Xulio Ferreiro (En Marea) acusou o PSOE de "chegar a un acordo exprés co PP" en troca de actuar "en función dos intereses da cidadanía"

PP e PSOE votan xuntos

A proposta do grupo de goberno municipal, no entanto, sufriu modificacións após a aprobación, co apoio de PP e PSOE, dalgunhas das emendas presentadas por cada un destes grupos. Cumpre lembra que A Marea conta con 10 edís, os mesmos que o PP, mentres que o PSOE ten 6. 

Segundo o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, o PSOE optou por "chegar a un acordo exprés co PP que busca bloquear a acción de Goberno" en troca de actuar "en función dos intereses da cidadanía". O rexedor da Marea mesmo asegurou no pleno que en conversa privada o portavoz municipal do PSOE, José Manuel Dapena, lle chegou a dicir que non podía "non podía traizoar o seu pacto co PP" no que tildou de "moción de censura encuberta". Pola súa banda, Dapena falou dunha "casualidade" o apoio mutuo entre PP e PSOE. 

Os números son os que son e a suma de socialistas e populares sorpasa a do conxunto do grupo municipal da Marea que, finalmente, votou de maneira favorábel ás contas no seu conxunto.