As frontes abertas de Feijóo en Ourense aumentan co pulso de Baltar Blanco

Núñez Feijóo e Baltar apértanse a man no XV Congreso do PP
O presidente do Partido Popular enfronta máis un caso de corrupción no partido após o procesamento do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

 

Ourense está a se converter no pesadelo de Núñez Feijóo. Por máis que o presidente da Xunta teime en se afastar dos escándalos de corrupción que asolagan o seu partido na Galiza e no Estado, cada día tópase cunha nova imputación, as máis das veces vencelladas ás filas do PPdeG na provincia ourensá.

Se o caso de corrupción polo que está a ser investigado Xosé Luís Baltar non for suficiente, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez será procesado por delitos de estafa, falsidade documental e prevaricación vencellados á xestión de fondos europeos. Martínez foi imputado en 2006 por ter cobrado subvencións de até 51.000 euros procedentes do programa comunitario Leader que, segundo o xuíz instrutor, "nunca chegaron a executarse". Malia a acusación, o presidente da Xunta non lle pediu a demisión e mesmo volveu a nomealo delegado após recuncar na presidencia do executivo galego.

Baltar Blanco bota un pulso a Feijóo
Alberto Núñez Feijóo lida con máis dunha fronte aberta no PP ourensán. O Congreso provincial que se desenvolverá en Ourense en poucos días semella reavivar as diferenzas entre a corrente baltarista e @s afíns ao líder do PPdeG. Xosé Manuel Baltar --único candidato á presidencia provincial da formación-- aseguraba nunha entrevista "rexeitar" falar de "integración" malia as insistencias do seu presidente. Núñez Feijóo demandaba en comparecencia de imprensa após a celebración dun Consello da Xunta que agardaba da candidatura de Baltar que fose capaz de "integrar" a toda a militancia en aras de superárense "as diferenzas doutro tempo". Porén, o presidente da Deputación ourensá apostou máis por botarlle un outro pulso.

Segundo o Baltar Blanco falar de integración "non cabe" cando só se presenta unha candidatura ao Congreso provincial. Malia que asegura ter procurado o debate pois "como militante interésame coñecer outras alternativas" di, "non foi posíbel". Baltar é rotundo e con firmeza asegura que non deixará que outr@s tomen as decisións por el; "teño a liberdade para elixir" a aquela militancia que compoña a executiva do partido en Ourense, polo que a decisión final dependerá "do meu entender nese momento e ao meu único criterio".