As primeiras testemuñas do xuízo a Baltar "non saben" por que traballaban na Deputación

Ábrense máis interrogantes sobre o presunto delito de prevaricación administrativa contra o ex-presidente da Deputación. Protestas do 15-M de Ourense diante do Xulgado.


As catro primeiras testemuñas do xuízo contra José Luís Baltar Pumar, imputado por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa, declararon no Xulgado de Instrución nº 1 de Ourense. Juan Luis Cachaldora e Pilar Caride, concelleir@s polo PP en Nogueira de Ramuín e O Carballiño, xunto a Josefa Astray e Rosa María Cabano, tamén militantes do mesmo partido, non souberon explicar perante o xuíz as razóns de estar a traballar para a institucón provincial que presidiu Baltar Pumar entre 1987 e 2012.

Na entrada aos xulgados agardaron unha morea de xornalistas e varios membros do 15-M de Ourense que protestaban contra o que consideran "corrupción e nepostismo". Un dos acompañantes dunha das testemuñas tentou agredir a un cámara e a un fotógrafo da imprensa que cubría a información.

Algunha destas persoas citadas pola investigación dos seus contratos coa institución provincial aínda traballan na mesma

Segundo afirmaron avogad@s da acusación particular á saída do xuízo, ningunha das testemuñas explicou con fundamento por que traballaban na institucion provincial. "Quedou claro que é evidente algo que todo o mundo sabe en Ourense", asegurou o letrado José Arcos, "agora falta aclarar como se produciron esas contratacións". Nas declaracións aseguraban que recibiron chamadas desde a institución, sen aclarar quen as realizaba.

Algunha destas persoas citadas pola investigación dos seus contratos coa institución provincial aínda traballan na mesma polo que o PSdeG, presente como acusación, ten previsto ampliar ao fillo do acusado e actual presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar.

Na Deputación de Ourense traballan máis de 1.200 persoas polo que esta institución ten que adicar en salarios o 40% do seu orzamento. As denuncias presentadas contra José Luís Baltar realizáronse polas sospeitas que presentou que unha grande parte dese funcionariado é militante do PP, mesmo con cargos públicos en activo, ou familiares directos. Nos últimos anos a Deputación de Ourense continuou a convocar oposicións que a acusación particular considera "fraudulentas".