A asemblea xeral de Podemos Galiza vota a favor de concorrer en solitario ás eleccións galegas

Imaxe: Podemos Galiza

A opción tivo 156 apoios fronte aos 36 partidarios de ir nunha alianza ou coligazón 'instrumental' con forzas como Anova, EU e as marés. A resolución non é vinculante, pois esta será a que tomen os inscritos do partido nunha votación telemática.

Tres cuestións había sobre a mesa esta sexta feira na Asemblea Xeral de Podemos Galiza, unha cita que decorreu en Compostela e na que no seu momento máis álxido superou os 500 asistentes, segundo a organización: se asistir este sábado á asemblea constituínte das marés en Vigo, a pregunta a facer na consulta telemática ás bases sobre a concorrencia aos comicios de outono, e pulsar o sentir da militancia asistente ao cónclave sobre esta cuestión.

As persoas asistentes deron o apoio a Carmen Santos para ir a Vigo mais cunha liña vermella ben clariña: nada de partido instrumental ou de se diluir Podemos nun novo suxeito político, tal e como apostan outros actores políticos das marés. Unha liña que Podemos Galiza ten asumido que non se vai traspasar e ese sentir fica patente na pregunta que se acordou realizar na consulta telemática e na que non nhai ningunha referencia ao partido instrumental. “Como queres que concorra Podemos ás eleccións aglegas: a) en alianza electoral con outras forzas políticas e sociais do cambio (Esquerda Unida, Anova e as marés) b) En solitario”. Está é a pregunta que se acordou na asemblea e á que poderán responder os 20.000 inscritos do partido o 31 de xullo e 1 e 2 de agosto. Pregunta que substitúe á prevista nun principio e que foi anulada pola dirección estatal de Podemos. Por certo, que mentres na asemblea se debatía sobre se Podemos Galiza ía ir ou non á cita das marés deste sábado, Pablo Iglesias e Iñigo Errejón chiaban nas súas contas de Twitter mensaxes de apoio á xuntanza que vai decorrer en Vigo.

Despois de horas de debate tivo lugar unha votación entre as persoas presentes, e cando marchara un bo feixe de asistentes á asemblea, sobre como lles gostaría concorrer aos comicios galegos. Os resultados non deixaron lugar a dúbida do sentir entre os que permaneceron na reunión até o final: 156 a favor de se presentar como Podemos en solitario fron te aos 36 que apoiaron ir en coligazón.